Casos positivos en descenso en Boiro

O Concello de Boiro celebrou na mañá deste 16 de agosto unha nova sesión da Comisión de Seguimento e Evolución da COVID-19, que se realiza de xeito semanal para coñecer a incidencia da pandemia no municipio. Participaron novamente Servizos Sociais, Protección Civil e a Policía Local para coordinar calquera necesidade derivada da pandemia.

O número de casos positivos está en descenso e o municipio atópase, dende o sábado, no nivel medio de restrición, polo que as medidas se aplican do seguinte xeito: a hostalaría pode abrir cun 50% en terraza e un 50% en interior e ata as 01.00 horas; o ocio nocturno cun 30% en interior e un 50% en terraza ata as 03.00 horas. Mantéñense no municipio as actividades culturais e deportivas con público, con capacidade limitada e reserva previa de entradas.

Na sesión fíxose saber que dende o departamento de Servizos Sociais continúan a xestionarse as necesidades derivada da COVD-19, como son a tramitación de tarxetas moedeiro de Cruz Vermella ou a derivación a Cáritas para alimentos e outros bens de primeira necesidade, así como o contacto con Protección Civil para o servizo de recollida de lixo e outras demandas das persoas con positivo.

A Policía Local desenvolve tarefas de vixilancia e control sobre a poboación para garantir que se cumpran as medidas decretadas polas autoridades sanitarias para evitar que aumenten os contaxios e se controle a expansión do virus. Na última semana propuxéronse para sanción a 12 persoas. 11 delas por atoparse nunha xuntanza entre persoas non convivintes, nun espazo público e durante a madrugada; 1 delas polo uso indebido de máscara nun espazo interior.