A Xunta converterá o antigo campo de fútbol de Artes nun espazo de importancia ambiental

A Xunta vai converter o antigo campo de fútbol da parroquia de Artes nun espazo natural autóctono que complemente a recuperación ambiental levada a cabo, na mesma contorna, no río Sanchanás e nos bosques de ribeira que acompañan a súa senda fluvial. Así llo comunicou a Consellería de Medio Ambiente ao Concello de Ribeira, achegándolle os detalles dunha actuación que consistirá “na mellora e acondicionamento para uso público” da dita infraestrutura deportiva, situada no Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Máis polo miúdo, o que se pretende é “restaurar este terreo en estado de abandono para a posterior instauración de especies leñosas autóctonas, así como a instalación dunha infraestrutura de madeira que terá a función de miradoiro ornitolóxico”.

Máis en concreto, e logo da autorización da Comunidade de Montes de Artes, efectuaranse as seguintes accións:

1. Retirada do piñeiral da superficie abandonada dispoñéndoos de xeito ordenado procurando evitar a mestura ou contaminación para así facilitar os posteriores traballos de aproveitamento.

2. Eliminación da matogueira existente no terreo.

3. Acondicionamento do terreo mediante de aporte de abono ou hidroxel

4. Plantación manual de especies frondosas (Quercus suber e Quercus robur) enxertadas de raíz núa.

5. Instalación de muro de pedra construído mediante materiais do entorno.

6. Creación dun miradoiro: formado por pavimento de madeira de piñeiro para exteriores, pasarela de madeira, varanda dobre de postes de madeira e banco de madeiro rústico de táboas.