A Xunta anima este verán a 2.000 nen@s a comer peixes e mariscos a través da campaña “Ti si que es un no peixe”

A conselleira do Mar acompañou ás rapazas e rapaces das aulas municipais da Concellería de Servizos Sociais de Ribeira nun obradoiro de fomento do consumo de produtos do mar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia de que os máis pequenos coñezan as bondades de consumir produtos do mar e se animen a probalos para que acaben converténdose nun alimento habitual da súa dieta, o que redunda en beneficios sanitarios para o conxunto da poboación e na mellora das vendas dos peixes e mariscos de Galicia. Fíxoo durante o obradoiro da campaña Ti si que es un bo peixe que se celebrou hoxe nas aulas municipais da Concellería de Servizos Sociais de Ribeira e no que unhas 25 nenas e nenos puideron coñecer un pouco máis sobre os recursos que captura a frota galega e os beneficios que ten consumilos con frecuencia.

A titular de Mar explicou que esta campaña chegará ao longo de todo o verán a preto de 2.000 rapazas e rapaces pois en xullo desenvolvéronse 13 obradoiros nos que participaron arredor de 650 nenas e nenos e entre agosto e setembro desenvolveranse outras 27 xornadas nas que está previsto chegar a outros 1.200 de entre 3 e 14 anos.

A campaña Ti si que es un bo peixe é froito da renovación da iniciativa O sabor da aventura está no mar -na que desde 2010 participaron máis de 82.000 nenas e nenos- para seguir difundindo entre eles de xeito ameno os coñecementos sobre as distintas especies de peixes e mariscos que captura a frota galega e as súas propiedades nutricionais. No pasado curso esta acción chegou a preto de 2.600 escolares e no verán continúa o seu labor de fomento do consumo entre os máis pequenos mediante a súa presenza en campamentos de verán e noutras actividades culturais.

A titular de Mar lembrou que esta é unha das iniciativas que se inclúe na campaña máis ampla da Xunta GALICIA SABE AMAR, coa que o Executivo galego pretende impulsar o consumo de peixes e mariscos entre a cidadanía e difundir a gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores.

Rosa Quintana salientou que este tipo de accións son máis importantes ca nunca en plena alerta sanitaria polo coronavirus e incidiu na transcendencia de consumir produtos do mar para ter unha alimentación saudable. Nesta liña, destacou que a campaña busca tamén enxalzar a pesca como unha actividade sostible así como o importante labor que realizan os profesionais do mar para subministrar produtos da máxima calidade á cidadanía.  

O obradoiro

Ti si que es un bo peixe emprega unha linguaxe próxima ao público ao que vai dirixida e tamén a música como código de comunicación pois unha das pezas desta iniciativa é unha canción con letra e un ritmo fáciles de memorizar. Outro dos elementos protagonistas é o material didáctico, como as siluetas de peixes, que serve para que as rapazas e rapaces aprendan a coñecer e diferenciar as distintas especies de peixes e mariscos. Nesta actividade tamén está presente a realidade virtual mediante o visionado con gafas adaptadas dun vídeo relacionado co motivo da campaña.

A esta acción da Consellería do Mar dirixida ao público infantil e renovada para o pasado curso académico engádese Fai click ao teu bocata, que substituíu a Ponlle as pilas ao teu bocata, co obxectivo de promover o consumo de conservas de produtos do mar entre a poboación máis nova e de ensinarlle a empregar as conservas como base en receitas sinxelas. Estas dúas iniciativas chegaron desde 2010 a máis de 150.000 nenas e nenos de toda Galicia.