A Deputación aproba 9,3 millóns de euros en axudas para crear emprego e impulsar a actividade de máis de 1.000 pemes e autónomos

A Deputación da Coruña publica hoxe  no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión das tres liñas principais de axudas do Plan de Emprego Local (PEL-2021) para PEMES e autónomos, que este ano incrementan o investimento ata os 9,34 millóns de euros, o que permitirá apoiar a 1.061 pequenos negocios da provincia na creación de novos postos de traballo e a na dinamización da súa actividade.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o Goberno provincial reforzou este ano o investimento en todos os programas sociais e de Emprego para facer fronte aos efectos da COVID-19. “Ademáis de crear programas específicos coma os dous plans REACTIVA cos que destinamos 25 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis perxudicados durante a pandemia, reforzamos tamén as liñas convencionais do PEL, o que permitirá, entre outras cousas, apoiar a contratación de 412 persoas en pemes e microempresas durante 2021, o dobre que o ano pasado”.

González Formoso explicou que o crédito inicial previsto na liña de apoio á contratación (PEL-PEMES) incrementouse finalmente ata os 5,4 millóns de euros “co obxectivo de atender a elevada demanda de axudas que rexistramos e de que a totalidade das PEMES que solicitaron o apoio da Deputación para contratar persoal e que cumpriran os requisitos esixidos nas bases poideran facelo”.

As axudas do PEL-PEMES financiarán o 70% dos custes do primeiro ano da contratación, incluíndo os gastos de soldos e salarios e Seguridade Social. Cabe destacar que destas 412 contratacións realizadas, máis da metade (222) serán realizadas con carácter indefinido.

Esta aposta pola creación de emprego durante a pandemia estendeuse tamén ao programa co que a Deputación financia a contratación de persoal nos municipios da provincia (PEL-CONCELLOS), que este ano duplicou o seu orzamento ata os 6 millóns de euros, o que permitiu crear 593 postos de traballo nos concellos coruñeses que xa están operativos desde principios do ano.

“En total, o PEL da Deputación axuda este ano a crear máis de 1.000 empregos directos no sector público e privado”, afirmou González Formoso, que destacou que o seu goberno segue traballando en programas que favorezan a reactivación económica e a creación de emprego tras a pandemia.

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, subliñou tamén o reforzo das liñas PEL para apoiar a reactivación económica durante “un ano especialmente difícil” e destacou que as axudas publicadas hoxe para impulsar a actividade de pemes e autónomos chegarán a 649 empresas na práctica totalidade dos concellos da provincia.

Comarcas e concellos con maior número de contratacións

En canto á distribución das axudas á contratación por concellos, os que teñen un maior número de solicitudes concedidas son os seguintes: Santa Comba (26 por importe total concedido de  347.915,54 €), Vimianzo (22 por importe total de  302.658,38 €), Mazaricos (16 por importe total de  224.490,34 €), Boiro (15 por importe de 208.609,59 €).

Por comarcas destacan a de Santiago, con 120 solicitudes concedidas e un total de 1.570.880,82 euros (o que supón o 29% das solicitudes concedidas), seguida da de Carballo con 104 solicitudes concedidas e un montante de axudas por importe de  1.369.472,21 euros (un 25% das solicitudes concedidas) e da de Coruña con 71 solicitudes concedidas e unha contía de subvencións de  931.646,67 euros (un 17% das solicitudes concedidas).

Atendendo á tipoloxía de negocio, a meirande parte das entidades beneficiarias son microempresas (empresas con 10 ou menos traballadores/as), representando máis da metade do total, mentres que os autónomos e autónomas supoñen o 40%. A parte restante, é dicir, arredor dun 7% corresponde a pequenas e medianas empresas.

PEL-Emprende incrementa nun 75% as axudas ao investimento

A liña de axudas de PEL-Emprende da Deputación da Coruña destina este ano 3.444.339,48 euros ( un 75% máis que o ano pasado) para apoiar a 397 empresas de recente creación e persoas autónomas da provincia na realización de investimentos vinculados ao fortalecemento e consolidación dos seus negocios.

A concesión destas axudas supón un importante apoio económico para que estas 397 empresas poidan adquirir aplicacións informáticas, mobiliario, maquinaria e/ou equipos para procesos de información necesarios para o crecemento, modernización e dixitalización dos seus negocios.

A liña PEL-Emprende subvenciona ata un 70% dos investimentos das empresas, con axudas que oscilan entre os 2.450 e os 17.500 euros, sen IVE.

O 64,23% dos beneficiarios/as son autónomos, seguidos por un 35,51% de microempresas, empresas que conta cun máximo de dez traballadores/as.

O 64% das empresas beneficiarias das axudas PEL-Emprende Investimento 2021 están dirixidas por mulleres e un 4,28% por persoas con diversidade funcional.

En canto aos sectores, o 73% das empresas beneficiarias pertencen a actividades económicas especialmente afectadas pola pandemia da COVID-19 e o 26% ás actividades económicas referidas a sectores estratéxicos, emerxentes e de alto potencial de Galicia.

Por outra banda cabe destacar que todas as empresas que reciben este ano as axudas de PEL-Emprende, agás unha, non resultaron beneficiarias na convocatoria anterior.

En canto á distribución das axudas por concellos, en PEL-Emprende Investimento cabe destacar que se van beneficiar 52 empresas e autónomos/as pertencentes ao concello da Coruña, cun importe total concedido de 357.886,34 euros, 41 de Santiago de Compostela con 339.577,63 euros, Culleredo con 13 solicitudes concedidas e 89.072,03 euros, e Ames con 12 solicitudes concedidas e un importe en axudas de 139.781,02 euros. Entre as catro suman 118 das 397 solicitudes concedidas para investimentos, o que supón case un 30%.

Na distribución por comarcas, a da Coruña é a que conta cun maior número de solicitudes concedidas con 129, o que supón 991.458,27 euros en axudas, seguida da comarca de Santiago, con menos solicitudes concedidas, un total de 122, pero un importe concedido superior, un total de 1.153.612,86 euros. A estas comarcas séguenlles a de Ferrol con 61 solicitudes concedidas por importe de 503.161,18 euros e a de Carballo con 54 e un importe de 543.728,24 euros. As restantes, pertencen á comarca de Barbanza, con 31 solicitudes concedidas e un montante en axudas de 252.378,93 euros.

A nova liña de apoio a autónomos chega a 252 profesionais, o 90% mulleres

A principal novidade das axudas PEL 2021 foi a nova liña de PEL-Autónom@s, que contou cunha enorme acollida por parte de todas as persoas profesionais autónomas da provincia.

Na súa primeira convocatoria esta liña distribuirá preto de medio millón de euros que servirán para aliviar a carga a que se están vendo sometidos moitos traballadores e traballadoras autónomos/as tras a pandemia, sufragando o 70% dos custes da Seguridade Social durante un ano a 252 profesionais.

Cabe destacar que a meirande parte das persoas beneficiarias son mulleres, xa que un total de 228 autónomas recibirán a axuda, é dicir, máis do 90% do total.

En canto á distribución das axudas por concellos, os que teñen un maior número de solicitudes concedidas son os seguintes: Cariño (con 16 por importe total concedido de 26.507,57 euros), A Coruña (con 15 por importe total de 30.817,52 euros), Fisterra (12 por importe total de  21.601,94  euros) e Curtis e Santa Comba con 8 (por importes de 13.483,13 euros e 16.200,15 euros, respectivamente).

Atendendo á distribución das axudas por comarcas destacan a de Santiago, con 71 solicitudes concedidas e un total de 137.209,97 euros (o que supón o 28,17 % das solicitudes concedidas), a de Coruña con 62 solicitudes concedidas e un montante de axudas por importe de  124.754,98 euros (un 24,6% das solicitudes concedidas) e a de Ferrol con 54 solicitudes concedidas e unha contía de subvencións de 106.132,51 euros (un 21,43 % das solicitudes concedidas).

En resumo, a Deputación da Coruña distribuirá entre as tres liñas preto de 9 millóns e medio de euros, contribuíndo a reforzar o tecido empresarial da provincia e a paliar o impacto que a pandemia da COVID-19 está a ter nas empresas e autónomos, co obxectivo último de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas.