A consulta pública a inclusión da sobreira de Vilariño, na Pobra, no Catálogo de Árbores Senlleiras

O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), compartiu este 19 de agosto novidades relativas ao proceso para protexer e reivindicar a sobreira de Vilariño. Segundo indicou, este verán foi presentada ante o Servizo de Conservación da Biodiversidade unha solicitude para incluír a devandita árbore no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

CREATOR: gd-jpeg v1.0 (using IJG JPEG v62), quality = 82

Esta decisión veu motivada polo “feito de que o municipio conta con árbores merecedoras da súa revalorización no patrimonio natural, atopándose entre elas a referida sobreira que destaca polas súas características de porte (cunha altura aproximada de 14 metros), idade (superior ós 100 anos) e vencellamento social e cultural coa veciñanza”.

O Concello engadiu que no Diario Oficial de Galicia (DOG) n° 150 do 6 de agosto de 2021 publicouse o Anuncio do 23 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se someten a información pública as solicitudes de inclusión de varias árbores no mencionado Catálogo, entre as que figura a sobreira de Vilariño. Así, durante 20 días hábiles dende o seguinte ao da publicación do anuncio no DOG permanece aberto o prazo de información pública coa finalidade de que todas aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas poidan remitir observacións e opinións por escrito ou a través do enderezo electrónico dxpn.cmatv@xunta.gal, poñendo no asunto “Información pública árbores senlleiras”.

Dende o departamento de Genoveva Hermo sinalan que o procedemento de catalogación responde ao Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras (DOG n°74 do 17 de abril de 2007), que “establece que as solicitudes de catalogación ou descatalogación de exemplares e formacións, e a documentación presentada xunto a elas, someteranse ao trámite de información pública durante un prazo de vinte días, para os efectos de que os interesados poidan presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes”.