A Banda da Escola de Música de Rianxo e Sabela King enchen Rianxo de música na recta final do verán

A Área de Cultura do Concello de Rianxo compartiu as súas actividades para este remate de agosto e os inicios de setembro, abeiradas ao programa Verán Cultural. Será basicamente un menú musical, aínda que tocando diferentes paus. O domingo 29 será a quenda da Banda da Escola de Música de Rianxo, que pechará coa súa actuación o Ciclo de Bandas organizado conxuntamente pola Escola e máis o Concello, coa colaboración da Deputación da Coruña. O concerto comezará ás 21.00 horas no exterior do CEIP Castelao. As entradas son de balde (só con reserva previa de localidades ata as 12:00 h do xoves 26 de agosto, a través do formulario na web municipal, na sección reservas).

O venres 3 de setembro teremos unha boa ración de blues e country da man de Sabela King & The Heartbreakers. Comezará ás 22.00 horas no Auditorio de Rianxo. Trátase dun concerto inicialmente previsto para o 27 no exterior do CEIP Castelao, que tivo que ser adiado até o día 3 de setembro por cuestión de organización. Con máis de douscentos concertos por toda a xeografía galega, Sabela King & The Heartbreakers apostan por mesturar composicións propias e versións moi persoais de cancións de Sam Cooke, Johnny Cash e Emily Loizeau. Esta proposta é a que veñen de materializar no seu primeiro traballo discográfico, gravado en directo. O disco está gravado en directo. Sabela King canta e toca o ukelele, Benjamín Vázquez toca as guitarras e Ramón Figueira “Figui” as harmónicas. Xuntos forma unha das bandas galegas (teñen a súa base en Compostela) máis punteiras do panorama estatal e internacional do blues, o country e o soul.