A Asociación de Empresarios de Ribeira dinamiza a volta ás escolas cunha campaña de premios

A Asociación de Empresarios de Ribeira presentou este luns 30 de agosto os detalles da súa nova campaña, unha nova iniciativa da entidade para impulsar a recuperación do sector poñendo o foco neste punto de inflexión que é o remate das vacacións de verán e o inicio da actividade escolar. A campaña Volta Ao Cole 2021 inclúe un sorteo de 20 vales de 50 euros dirixido a todos os clientes que merquen e consuman nos establecementos asociados.

Os participantes neste sorteo deben ser maiores de idade, sendo a súa participación gratuíta e sen contraprestación algunha.

O obxectivo fundamental da campaña é “incrementar as vendas e incentivar o consumo no pequeno comercio ao por menor e na hostalería de Ribeira”.

Segundo fixo saber o presidente da Asociación de Empresarios, Francisco Martínez Gude, a promoción realizarase entre as compras e consumicións feitas desde o día 1 ao 30 de setembro de 2021. “A forma de participar será mercando e consumindo en calquera establecemento socio”, explicou, engadindo que o sorteo realizarase o venres 1 de outubro ás 13:00 horas no local da Asociación de Empresarios, na rúa Rosalía de Castro.

Como dixemos, poderán participar tódolos consumidores maiores de idade que realicen unha compra ou consumición por calquera importe nos establecementos participantes nesta campaña, “sempre e cando a compra a compra ou a consumición sexan efectuadas durante as datas de duración da campaña, isto é, do 1 ao 30 de setembro de 2021”.

Os consumidores participantes deberán en todo caso conservar o tícket da compra ou consumición realizada, a fin de dispoñer dun xustificante.

O rexistro será preciso realizalo na pestana Sorteos, na web da Asociación de Empresarios de Ribeira, efectuando o correspondente rexistro da compra ou consumición realizada, que dará dereito a unha participación no sorteo. No rexistro deberá quedar perfectamente identificada a operación de compra/consumición realizada e o cliente ou consumidor. Só se poderá facer un rexistro por operación de compra/consumición, e cada operación rexistrada, equivale a unha participación. Deste xeito, cantas máis adquisicións de produtos ou servizos fagamos nos establecementos participantes, máis posibilidades de gañar.

A realización do sorteo celebrarase xeito telemático mediante un código programado que elixirá aleatoriamente ás persoas agraciadas agraciados, até conseguir a listaxe final de gañadoras e gañadores dos vales.

Os premios serán 20 vales de compra de 50€ para gastar nos establecementos comerciais e hostaleiros socios. O importe do premio debe ser gastado nos establecementos participantes como data límite o 30 de novembro de 2021.

Amais, as familias numerosas que se persoen nas nosas oficinas xustificando esta condición, de presentaren un tícket de compra ou consumición por valor superior a 10€ con data do 1 ao 30 de setembro, recibirán un agasallo ata fin de existencias.