“Polo camiño”. Xulio Xiz

Incorporase ás nosas firmas de opinión o prestixioso xornalista Xulio Xiz. Cunha longuísima traxectoria profesional que abrangue radio, prensa escrita, televisión e producción, Xulio Xiz é un referente da prensa galega, desenvolvendo a súa actividade como produtor e articulista en varios xornais galegos. O noso agradecemento e benvido a esta familia do Barbanza

Polo Camiño

Veño de percorrer un anaco do Camiño Francés acompañando a exposición “Aquela nena de Sarria”, que agora visita Triacastela, Samos, Paradela e Portomarín. O percorrido foi de arredor de 40 qm., o que sería notable se non fose que os andiven en automóbil, medio que non conta cando se trata de peregrinar.

O peregrino ten que andar, pedalear ou montar a cabalo, polo que eu non fun peregrino senón viaxeiro/observador do renacer dos Camiños despois da opresión dun virus que nos volveu a  tempos nos que o viaxar estaba condicionado pola economía e as barreiras naturais ou impostas.

Sabendo o que significan os Camiños para a vida e a economía de Galicia, todo o que marque o seu rexurdir é beneficioso para o país, e comprobar que volven a encherse de xente é unha satisfacción difícil de explicar.

Seica hai pouco nun só fin de semana chegaran a Santiago tantos peregrinos como nos dous meses anteriores. E nesta viaxe comprobei que é verdade a volta á normalidade lenta pero inexorable. Andan polo Camiño Francés peregrinos que se agolpan para o selado de credenciais nos concellos, apreciando a maior afluencia en Samos e Portomarìn propicia polos horarios.

En Samos, ás doce, os bares de fronte ao Concello estaban ateigados de mozos tomando un tente-en-pé. E en Portomarín, ás dúas da tarde, remuiño de camiñantes éntreles un grupo de madrileños que lle preguntaron ao alcalde onde podían xantar comida do país, e inquiriron na mostra de Xela polo significado dun verso para eles oscuro, complicado mesmo para un galego. Portomarìn fervía de visitantes; o Camiño atéigase de vida. E todos, querendo crer que estamos volvendo á vida de sempre.