Xosé R. Bustelo recollerá en setembro o Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal

O vindeiro 9 de setembro terá lugar en Santiago de Compostela a gala de entrega dos Premios de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica Ramiro Carregal que a pandemia obrigou a adiar durante máis dun ano. No acto, o doutor Xosé Ramón García Bustelo recollerá o IX Premio Internacional e o doutor César Serrano o II Premio Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica. Ambos estarán presentes na entrega que se celebrará no Hostal Parador de Santiago con todas as medidas de prevención necesarias para levar a cabo o acto con total seguridade.

O doutor Xosé R. Bustelo é un dos investigadores máis coñecidos e prestixiosos do ámbito estatal. En palabras do xurado presidido polo doutor Rafael López, “a súa relevante traxectoria científica e os seus indubidábeis méritos fixérono merecedor deste premio”. A candidatura de Bustelo foi avalada por catro premiados neste certame: os doutores Mariano Barbacid, Amparo Cano, Ana Lluch e Luis Paz-Ares. A estes nomes súmanse na prestixiosa listaxe de galardoados co Premio Internacional Ramiro Carregal, José Baselga, Eduardo Díaz-Rubio, Carlos López Otín e Guido Kroemer. En total nove edicións dun premio que, a maiores dos 20.000 euros e galardón acreditativo, conta co recoñecemento de sector médico e científico pola súa vocación de fomentar a investigación e o mecenado, dous conceptos clave na sociedade actual que o empresario ribeirense Ramiro Carregal logrou reunir e promover con “firme vocación de continuidade”.

Coincidindo coa convocatoria da oitava edición do Premio Internacional, o padroado decidiu crear un novo galardón que recoñecese o traballo de novos investigadores ao constatar que “moitos deles renunciaban a presentarse ao Premio Internacional ante a dificultade de competir co currículo dos prestixiosos candidatos que optaban”. Así naceu o Premio Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica, dotado con 6.000 euros que nesta segunda edición recaeu no doutor César Serrano, oncólogo no Hospital Universitario Vall d`Hebron e xefe de grupo do Programa de Investigación Preclínica do Instituto de Oncoloxía Vall d’Hebron. O xurado destacou tanto a traxectoria do doutor Serrano como o feito de ser “un investigador activo, dedicado e entusiasta, con publicacións moi relevantes”.

Convocada a próxima edición

O padroado do Premio de Investigación Oncolóxica vén de anunciar a convocatoria dunha nova edición que será a décima para o Premio Internacional e a terceira para Talentos Emerxentes. O empresario Ramiro Carregal, propietario de FRINSA, asegura que é “un orgullo poder demostrar o meu compromiso social coa investigación e o medicamento, dous ámbitos esenciais cuxa relevancia levo anos defendendo e que, por desgraza, púxose de manifesto de forma dramática nestes últimos meses”. Por este motivo, o presidente de honra do xurado explica que poder celebrar a entrega da última edición e convocar a décima supoñen un motivo de especial alegría xa que abren a porta á esperanza”.

As candidaturas a ambos os premios poderanse presentar até o 28 de febreiro de 2022 e tanto as bases como toda a información están dispoñíbeis na web premioramirocarregal.com/oncologia na que tamén se inclúe un espazo para presentar directamente as propostas.