Suma Ribeira urxe a resolución definitiva sobre o peche perimetral dos Areeiros supostamente ilegal

A agrupación Suma Ribeira, a través do seu concelleiro Xurxo Ferrón, vén de emitir un novo comunicado no que pon o foco no peche perimetral dunha finca nos Areeiros (Castiñeiras) que motivou hai uns meses un escrito previo da plataforma cidadá, por consideralo “unha infracción contra os regulamentos establecidos en materia de peches perimetrais”. A agrupación urxe que “se proceda canto antes a emitir resolución administrativa sobre o peche supostamente ilegal”.

A organización sinalou que o desexábel sería a recuperación dos terreos de dominio e uso públicos en beneficio de todas e todos, ao tempo que lembra que a finca linda polo leste coa mesma liña de Dominio Público Marítimo Terrestre, polo sur cun camiño público, e polo oeste coa rúa do Mar.

“Cómpre lembrar”, explica o concelleiro, Xurxo Ferrón, “que este é un tema que Suma Ribeira vén seguindo de preto, co compromiso de dar resposta e informar aos veciños e veciñas da zona da situación do expediente, pois nos fixeron chegar a sua preocupación e máis algúns interrogantes”.

Neste sentido, Ferrón recorda que o pasado 6 de maio se lle transmitiu ao Concello a decisión tomada polo Servizo de Urbanismo da Xunta de “incoar un Expediente de Reposición da Legalidade”, e requirir aos responsábeis das obras e instalacións para que “procedesen a corrixir a situación creada pola comisión de infracción”. O concelleiro recorda que na información achegada sinalábase que “o particular denunciado disporía de quince días hábiles para presentar alegacións”, e que o Servizo de Urbanismo da Xunta de Galicia debía emitir resolución nun prazo máximo dun ano.

Para SumaRibeira, segundo a decisión de Urbanismo da Xunta, “o peche realizado sen as preceptivas licenzas do Concello de Ribeira, Demarcación de Costas do Estado en Galicia e Xunta, non respectou en absoluto as distancias mínimas legais en ningunha das tres liñas que o compoñen”. E engaden: “Esta invasiva e presuntamente ilegal actuación tivo como resultado a realización dun inaceptábel peche que lamentamos e rexeitamos, que requirirá de importantes rectificacións para a reposición da legalidade, que agardamos e desexamos se realicen canto antes”.