SumaRibeira denuncia as supostas infraccións dun peche perimetral particular nos Areeiros

16 Marzo 2021

SumaRibeira vén de achegar un comunicado no que dá conta dunha presunta infracción cometida en Areeiros (Castiñeiras) contra os regulamentos establecidos en materia de peches perimetrais. Segundo explica a agrupación que coordina Xurxo Ferrón, a propiedade que está no punto de mira da plataforma (recentemente valada) atópase na rúa do Mar e foi obxecto, durante as máximas restricións á mobilidade derivadas da crise da COVID, dun peche de “considerábeis dimensións”, sen que se acompañase esta delimitación de cartel algún coa licenza de obra correspondente.

SumaRibeira lembra que o pasado 27 de abril rexistrou un escrito no Concello preguntando, entre outras cousas, sobre “se a obra tiña licenza” e “que cesión tería que gardar respecto á rúa do Mar”. Máis tarde, unha vez consolidado o peche, a agrupación solicitou o acceso ao expediente o 10 de maio de 2020, “un expediente no que consta un informe do arquitecto municipal en o que se deixa claro que a obra, presuntamente, incumpre a legalidade cando menos nunha serie de aspectos”, indica a agrupación cidadá.

Son os que a plataforma cita a continuación:

– O primeiro escrito do promotor, de comunicación previa, tivo entrada no Concello o 5 de maio de 2020, “data na que o peche estaba xa practicamente rematado”, explican.

– Trátase dunha obra “sen autorización municipal”, engaden.

– En palabras de SumaRibeira, “non garda as preceptivas servidumes de uso e dominio público nin á rúa do Mar nin ao camiño público que dende esta rúa vai ata á praia do Castro, e obstrúe a servidume de Costas”.

O 23 de novembro de 2020 SumaRibeira rexistrou outro escrito preguntando pola anchura legal que debe gardar o peche tanto na rúa do Mar como no camiño ao seu oeste. Asemade, tamén quixo obter resposta, no caso de que non foron respectadas as correspondentes cesións, sobre “que actuacións desenvolvera e ía desenvolver o Concello para recuperar na súa totalidade os terreos que deben ser cedidos para dominio e uso público de todas as veciñas e veciños”.

A agrupación critica a “a ausencia de reposta” a todas as solicitudes de información, incluída a do 28 de febreiro de 2021, data na que SumaRibeira decidiu denunciar os feitos na Axencia de Protección de Legalidade Urbanística (APLU), da que “agardamos que, en contraste co Concello, teña un comportamento correcto, tanto no aspecto informativo como nun exercicio das súas competencias en defensa da legalidade e do interese público”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...