Rianxo ponse novamente no epicentro cultural e musical cunha nova edición de Zona da Zanfona

A Central Folque e o Concello de Rianxo volven novamente a organizar o encontro rianxeiro Zona da Zanfona. O evento, que xa comezou o pasado sábado, 3 de xullo, celebrarase a maiores o 9, 10 e 11 de xullo.

A XVII edición do certame vén cunha programación especial para cumprir cos protocolos da situación sanitaria actual. Así, músicos amadores e profesionais, ademais de audiencias en xeral, atoparán gozo e deleite na escoita deste fabuloso instrumento, a zanfona.

A programación deste ano pivota en tres eixos: concertos de balde, cursos de aprendizaxe e actividades online (en inglés para audiencias non presenciais). Así, o venres 9 de xullo levaranse a cabo os concertos ZdZ por Héctor Braga e o grupo Alacrã. Mentres, o sábado 10 xullo, terán lugar no exterior CEIP Castelao, ás 22.30h, os espectáculos Xemelgas, de Manu Fraguela e Óscar Fernández, e Suán, de A.C. Trepia. Do mesmo xeito, realizarase o domingo 11, o Concerto Ambulante.

Na mesma liña, faranse cursos de Zanfona tanto de iniciación, como de nivel avanzado e construción. Tamén haberá unha clase maxistral en liña con Germán Díaz en inglés.

As reservas deberán solicitarse na web www.concelloderianxo.gal. Non se permitirán grupos superiores a seis persoas e cada solicitante disporá de localidade cando reciba confirmación do Concello.