Rianxo en Común pide o cese da responsábel de Comercio no Concello

A agrupación Rianxo Común, a través do seu concelleiro Julián Bustelo, emitiu un comunicado relativo ao estado no que se atopa o comercio local tralo duro revés da pandemia de COVID-19, unha situación que, segundo sinalan, cebouse cun sector (o dos establecementos de proximidade) que xa viña tentando superar importantes obstáculos para a superviviencia (por exemplo a dura competencia, en moitas ocasións desleal, das grandes superficies).

Rianxo Común súmase no seu comunicado ás reclamacións do comercio rianxeiro (que se concentrou o pasado venres perante o Consistorio para demandar un maior apoio por parte do Concello) e engade que “nestes últimos dous anos, e particularmente dende que a pandemia da COVID-19 fixo aparición, o Goberno rianxeiro, e nomeadamente a responsábel de comercio, Mari Carmen Figueira, deulle as costas ao sector comercial e hostaleiro do municipio e, a diferencia de Concellos da contorna e de boa parte do país, non adoptou nin unha soa medida propia para facerlle fronte ás perdas provocadas pola crise do coronavirus e para reactivar a economía”.

Segundo explica a agrupación, estas medidas “foron postas enriba da mesa por Rianxo en Común” (por exemplo, din, “a posta en marcha de axudas directas destinadas aos negocios cunha perda maior de facturación, os bonos para incentivar o consumo ou outras para reducir o prezo do alugueiro dos baixos comerciais e incentivar a chegada de novas empresas a Rianxo”) e foron, engaden, “sistematicamente rexeitadas polo Goberno PSOE-BNG, o cal tampouco adoptou outras medidas alternativas”.

O grupo tamén critica a metodoloxía seguida para abonar as axudas do Programa PEL – Reactiva da Deputación da Coruña que se lle concederon a moitos establecementos comerciais e hostaleiros de Rianxo pero “que non se están a materializar”. No comunicado, Rianxo en Común lembra que “por todos estes motivos pedimos en decembro a dimisión da responsábel da área de comercio” e agora esíxenlle ao alcalde “que cese decontado á actual responsábel de Comercio do seu cargo”.