O PSOE de Ribeira solicita a reparación das fontes do paseo de Coroso

O grupo socialista de Ribeira emitiu un rogo para ser debatido en pleno relativo ás fontes do paseo local da praia de Coroso, unha das alternativas de lecer saudábel máis usadas pola veciñanza, “tanto pola súa amplitude (dende o porto de Ribeira até o areal de Río Azor en Palmeira), como pola súa beleza, acompañado o trazado de dous quilómetros de percorrido chairo que fan moi levadeiro o tránsito peonil”, sinalan no comunicado, engadindo que neste paseo, malia ser tan concorrido, só funciona unha das fontes que está instalada ao longo do mesmo, a que está fronte á Escola Náutica.

Porén, as outras tres fontes instaladas “non dispensa nin unha soa gota”.

Tendo en conta isto, o PSOE solicita o seguinte:

-Que por parte do Departamento que corresponda, se faga a reparación dos elementos deteriorados nas fontes de auga instaladas ao longo do paseo da praia de Coroso, antes de que remate a tempada estival, para que os veciños e os visitantes poidan desfrutar duns bos servizos, nunha praia conferida con bandeira azul.