O PP de G de Ribeira resposta ás explicacións ofrecidas por Vicente Mariño sobre os certificados “fake” de tests de antíxenos

Comunicado: Cáusanos rubor e indignación as explicacións ofrecidas ata agora por Vicente Mariño de Bricio ao atribuír a un cartel da Asociación de Empresarios e a unha “mala interpretación” das indicacións do Colexio de Farmacéuticos da Coruña a súa decisión de realizar tests de antíxenos na súa farmacia e expender certificados nun momento (días 23 e 24 de xullo) en que nin unha cousa nin a outra estaban permitidas.
Nin sequera un estudante de primeiro curso de Farmacia se crería as xustificacións que o voceiro do partido PBBI acaba de facer públicas.
Como evidencia do afirmado, achegamos a circular que o propio Colexio de Farmacéuticos enviou o 23 de xullo, que fala xa no propio encabezamento en letras maiúsculas de “PRÓXIMA PUESTA EN MARCHA”, mentres que no seu punto 2 di moi claramente que “Una vez firmado el protocolo definido por el SERGAS con los cuatro Colegios de Farmacéuticos de Galicia (posiblemente lunes/martes de la próxima semana), l@s titulares de las oficinas de farmacia que quieran confirmar su solicitud de adhesión en el programa tendrán que firmar el modelo de adhesión ao protocolo de farmacia participante establecido por la Consellería de Sanidade”.


¿Onde cabe unha mala interpretación?
Ata fai dúas semanas, as farmacias só podían vender tests de antíxenos con receita médica . A semana pasada xa se autorizou a comercializalos sen receita, pero baixo ningunha circunstancia estaba permitido que a realización dos tests se puidese facer dentro da propia botica. ¿Por que directriz se guiou o señor Mariño para facer tests dentro da súa
farmacia? ¿Por un cartel da Asociación de Empresarios? Parécenos un argumento infantil.

Antonte xoves 29 de xullo arrancou en toda Galicia a posibilidade de realizar tests e expender certificados nos establecementos farmacéuticos. De acordo cos testimonios recollidos en prensa, as boticas apenas tiveron tempo de realizar 15 tests durante toda esa primeira xornada. Sen embargo, contáronse por moitas decenas as persoas que os días 23 e 24 de xullo puideron facer estes tests na farmacia do señor Mariño. O cal é lóxico, posto que polas informacións que nos chegan o señor Mariño incumpriu o protocolo a seguir: non ofreceu a pertinente información ao paciente, non tomou a súa autorización para o tratamento de datos, non rexistrou o resultado na aplicación habilitada no Sergas nin tampouco comprobou se as persoas ás que fixo os tests figuran na base de datos do propio Sergas… e por enriba saltouse o límite de idade de 35 anos… Unha mala praxis profesional que veu culminar na expedición de decenas e decenas de certificados fake, é dicir, falsos, pois nos reafirmamos en que incluso hoxe carecerían de calquera validez.
Pero o máis indignante a xuício do Partido Popular é a farisaica excusa esgrimida por Vicente Mariño de Bricio de que axudou a evitar que algún posible caso positivo puidese acudir a establecementos públicos.
Ese posible caso positivo do que fala o señor Mariño nunca podería ter acudido ao interior dun establecemento público. O que provocou o voceiro do PBBI co seu comportamento neglixente foi que moita xente que non podía estar nun determinado local na véspera e no día da Dorna si que estivera, expoñéndose a ser contaxiado, expoñéndose a ser
sancionado e expoñendo tamén a unha sensible sanción económica a ese local de hostalería ou de ocio nocturno.
Logo de analizar as explicacións por agora dadas e antes de tomar novas decisións, o Partido Popular de Ribeira agardará por se nos próximos días se producise alguna acción por parte da Consellería de Sanidade e/ou o
Colexio de Farmacéuticos.