O Parlamento esixe por unanimidade a retirada do recurso do Goberno central ao plan marisqueiro da Xunta


O Parlamento de Galicia esixiu por unanimidade dos grupos (PP, BNG e PSOE) a retirada do recurso interposto polo Goberno central contra o plan xeral de explotación marisqueira da Xunta para o período 2021-2023.

O texto partiu do PP, cuxa deputada Teresa Egerique negociou unha transacción con emendas do BNG e do PSOE durante un tempo que provocou comentarios por parte do presidente da comisión, José Manuel Balseiro. “Sendo esta a transacción que máis nos deu que facer no que levamos de lexislatura, levantamos a sesión”, chanceou. Así as cousas, a Cámara insta á Xunta a dirixirse ao Goberno central para que retire “de forma inmediata” o recurso contencioso-administrativo presentado polo Ministerio de Transición Ecolóxica, dirixido a derrogar o mencionado plan xeral.

O acordo non foi total, de feito, debido a que, en segundo lugar, manifesta a súa oposición ” ante un novo ataque inxustificado” do Goberno central ao marco competencial vixente, pero isto faino coa abstención do PSOE.
O resto de puntos, outros tres, si foron aprobados con consenso, para pedir que se faga público o expediente completo sobre o plan –algo que xa ocorreu–, solicitar da Xunta accións para defender “ata as últimas instancias” os intereses do sector marisqueiro galego e tamén demandar a comisión de transferencias para o traspaso de competencias pendentes nesta materia.