O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este domingo que o Consello de Ministros do martes aprobará unha “drástica redución” das peaxes da AP-9, que se materializará “a partir da próxima semana”.
O anuncio foi feito polo presidente do goberno durante a súa intervención na cerimonia de entrega da Medalla de Ouro de Galicia a todo o persoal que integra o dispositivo de vacinación contra a covid-19. O acto, celebrado no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago, estivo presidido tamén polo rei Felipe VI e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e contou coa presenza de numerosas autoridades, entre elas o presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas, e das vicepresidentas primeira e segunda do Executivo central, as galegas Nadia Calviño e Yolanda Díaz, respectivamente.
Pedro Sánchez, aproveitou o seu discurso para reivindicar as “probas inequívocas” do “compromiso” do seu gabinete con Galicia, que son a chegada da alta velocidade ferroviaria á Comunidade, prevista para finais de ano; e a rebaixa das peaxes da AP-9.
O xefe do executivo prometeu unha redución “histórica” do prezo da Autoestrada do Atlántico. En concreto, será o Consello de Ministros do martes o que aprobe un abaratamento que supoñerá un aforro de 2.300 millóns de euros “ata o fin da concesión” da vía en 2048.
Esta medida que afectará a un “elemento imprescindible para a mobilidade” dos galegos materializarase, engadiu, a partir “da próxima semana”. “Vai permitir desviar a circulación de roteiros alternativos e por tanto mellorar algo, que sei que é moi sentido por parte do conxunto da sociedade galega, a seguridade viaria”, agregou.
Ademais, sobre a “inminente” chegada do AVE á Comunidade prevista para os últimos meses de 2021, Sánchez afirmou que supoñerá “un antes e un despois na historia de Galicia e de toda España”.




