O Goberno achega os detalles da rebaixa da AP-9, que sería “a maior na súa historia”

Este luns a ministra de Transportes e Mobilidade Raquel Sánchez debullou os detalles da rebaixa das peaxes da AP-9 (unha arteira de comunicacións básica na nosa terra, que ten un percorrido duns 220 quilómetros e une Tui e Ferrol, pasando por A Coruña, Santiago, Padrón -onde está o enlace coa autovía do Barbanza-, Pontevedra e Vigo), anunciada esta fin de semana. Segundo confirmou, será “a meirande rebaixa na historia da autoestrada”. A decisión (Real Decreto) será aprobada este martes polo Consello de Ministros. Inclúese viaxe de volta gratuíta (en 24 horas). As medidas entrarían en vigor esta mesma semana. Segundo fixo saber a ministra, “a autoestrada AP-9 é básica para a cohesión galega”. Co novo decreto, o Estado pagará máis dun terzo das peaxes da vía, e 15 millóns de percorridos verán eliminada ou reducida a súa factura.

No novo esquema mantense o formato gratuíto para as circunvalacións de Santiago, Vigo, Pontevedra, o treito Fene-Ferrol e as bonificacións para os treitos Coruña-Barcala e O Morrazo-Vigo.

O decreto establece que serán de balde todos os traxectos de volta co dispositivo de  telepeaxe, que xa usan a maioría dos usuarios, que se realicen nun prazo máximo de 24 horas. A bonificación do 100% do percorrido de  regreso ao momento de orixe aplicarase todos os días da semana,  festivos incluídos (o percorrido de volta debe ser igual ao de ida). Amais, haberá unha bonificación adicional do 50 por cento do percorrido de ida  para aqueles usuarios que realicen nun prazo máximo de 24 horas dous  percorridos iguais (co mesmo orixe e destino) e de sentido  contrario dentro do tramo Puxeiros (Vigo)-Tui e viceversa, en días laborábeis e festivos. Así, un usuario que vive en Tui e vai e volve de Vigo en 24 horas  (pasadas as 00.00 horas, por exemplo) pagará polo traxecto de ida e volta 1,4 euros, aforrándose 4,2 euros. A peaxe entre Vigo e Tui son  2,8 euros.

A maiores, fíxase a gratuidade no acceso desde Redondela e unha rebaixa do 20% do importe pagado en todos os percorridos realizados nun mes, a contar desde o percorrido inicial,  para aqueles vehículos que realicen máis de 20 viaxes no devandito período.