O Festival da Lúa encherá de novas técnicas lumínicas os recantos literarios de Rianxo

O Concello de Rianxo, co patrocinio de Aluminios Cortizo, organiza esta finde (venres 30 e sábado 31) a primeira edición do Festival da Lúa, un certame que busca novos, alternativos e innovadores xeitos de achegarnos á cultura (arte, historia, patrimonio, sociedade, etc) a través das técnicas e das tecnoloxías lumínicas máis avanzadas, presentes en diversos e emblemáticos puntos do vila e a súa contorna. O obxectivo da experiencia de dúas xornadas (en horario de 22.00 a 01.00 horas) é converter Rianxo “nun referente turístico, cultural e tecnolóxico”, ao tempo que se ofrece “un distinto de percorrer o concello”.

A primeira edición, baixo o lema Alumeando letras, proporcionará unha perspectiva do valioso patrimonio literario do concello a través de intervencións artísticas baseadas na luz e no son.

“Este recorrido de luz e arte”, informa o Concello, “vainos permitir redescubrir espazos cotiáns do pobo, achegarnos a eles con outros ollos, reinterpretalos e descubrir dimensións que habitualmente pasan desapercibidas, así como reforzar elementos clave da vida comunitaria: arte, patrimonio, natureza, tecnoloxía, innovación e compromiso social”.

En resume, o Festival da Lúa contén diversas obras de iluminación artística que se desenvolverán en diferentes edificios e lugares da vila de Rianxo (Casa Museo de Manuel Antonio, Casa Museo de Rafael Dieste, Casa de Castelao, Pazo de Martelo, Peirao de Setefogas, etc).

Podemos consultar o mapa de actividades na web do Concello.