Mar e Portos traballan nun cambio normativo para levantar a prohibición da pesca non profesional nos peiraos

A Consellería do Mar e Portos de Galicia traballan nun cambio normativo para levantar a prohibición da pesca non profesional en superficie nos peiraos, en concreto en 106 das 122 dársenas de titularidade autonómica.

A pesca deportiva nunha imaxe publicada no portal Mispeces.com

Desta forma, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, indicou que “a Xunta autorizará no 85% das dársenas unha actividade que está prohibida desde 1972 de acordo tanto coa lexislación estatal como galega”.

A nova normativa clasificará os portos en tres niveis en función da posibilidade de acoller a pesca recreativa entre as súas actividades. Así, haberá 28 portos libres de toda restrición; 78 nos que a práctica estará condicionada por zonas ou horarios e 16 nos que non se poderá realizar esta actividade por razóns de seguridade ou operatividade portuaria.

Cabe mencionar que os 28 portos que quedarán libres de toda restrición serán Rinlo (Ribadeo), Nois (Foz), Portocelo (Xove), Bares (Mañón), Espasante, O Seixo (Mugardos), Perbes, Mera, Santa Cruz, Santa Mariña de Ponteceso, Ézaro, Os Muíños (Muros), O Conchido (Outes), A Barquiña de Noia, Noia, Boa (Porto do Son), Ameixida (Ribeira), Insuela (Ribeira), Ancados (Boiro), Taragoña (Rianxo), Rañó (Rianxo), San Miguel de Deiro (Vilanova de Arousa), As Sinas (Vilanova), Cabodeiro (A Illa de Arousa), Covelo (Poio), Santa Marta (Baiona), Oia e Goián (Tui). En relación á prohibición total, soamente seguirá vixente nos peiraos de Ares, Redes (Ares), San Pedro de Visma (A Coruña), Quenxe (Corcubión), Testal (Noia), Ribeira, Carril (Vilagarcía), O Xufre, Sanxenxo, Raxó, Beluso, As Corbaceiras (Pontevedra), Aldán, Moaña, Santa Cristina de Cobres e A Pasaxe (A Guarda). Os restantes 78 portos permitirán a pesca baixo condicións de zonas ou horarios. Algúns exemplos son Ribadeo, O Vicedo ou O Seixo na Zona Norte; Pontedeume, Suevos ou Caión na Zona Centro e Pontecesures, O Grove, Meloxo, Pedras Negras ou Portonovo na Zona Sur.

En definitiva, o cambio normativo, que se atopa en fase avanzada de tramitación, non entrará en vigor ata a publicación da resolución no DOG e farase efectivo a través do procedemento correspondente en sede electrónica da Xunta de Galicia. Por tanto, entre os requisitos figurarán a inscrición na sede electrónica da Xunta, a obrigatoriedade de formalizar un seguro de responsabilidade civil e a sinatura dunha declaración responsable de cumprimento das obrigas exixidas.