En Lousame festa de fin de curso para os 35 maiores que participaron na 18ª edición do Programa “Activa-Mente”

Un total de 35 maiores que participaron este ano no Programa “Activa- Mente” do Concello de Lousame celebraron esta semana unha merenda de fin de curso. A diferencia de anos anteriores, nos que se reunían todos no club de xubilados de Aldeagrande ou na Casa da Cultura, desta vez optaron por celebrar cadansúa festa en cadanseu local
social: onte no Sanguiñal, Aldeagrande, Vilacoba e Escabia; e esta mañá en Cruído.


Unhas festas nas que estiveron acompañados pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, que felicitou a todas as persoas participantes e instounas a que conviden aos seus amigos e amigas a participar nas distintas actividades que se organizan dende o Concello de Lousame para a terceira idade. O acto rematou coa entrega de diplomas conmemorativos e unha merenda na que non faltaron os biscoitos, as roscas, as galletas, as cereixas… así como
viño da casa e refrescos.