En Boiro o Concello instalará unha carpa para as actuacións das festas

O Concello de Boiro anunciou que vai instalar unha carpa para permitir, malia a previsión de choiva, o desenvolvemento das actividades incluídas na programación das súas Festas do Verán. A decisión tomouse na xunta de seguridade celebrada este mércores 30, unha sesión destinada a coordinar todo o relativo á organización e seguridade durante os espectáculos e actuacións do programa das festas do verán. A carpa, que dará protección aos espectáculos que se levan a cabo con público sentado e control de acceso anti-COVID, estará na praza de Galicia.

Os espectáculos infantís, previstos para a todas as mañás ás 12.00 horas no parque da Cachada, vanse trasladar á carpa da praza de Galicia, polo que se amplía tamén a capacidade máxima ata as 400 persoas.

A reserva previa de entradas ata completar o aforo estará dispoñíbel na web municipal a partir das 10.00 horas deste xoves día 1 de xullo.

Haberá instalados dous escenarios con espectáculos simultáneos, un na praza de Galicia cunha capacidade de 400 persoas, e outro na praza da Terceira Idade con 150 persoas, sempre que o tempo o permita.

En caso de choiva as actuacións previstas para o escenario da praza da Terceira Idade cancelaranse. Durante o desenvolvemento de todas as actuacións será obrigatorio que o público fique sentado, gardando a distancia de seguridade e empregando a máscara.

O recinto do espectáculo estará acoutado e para acceder será preciso pasar polo control de acceso.

O Concello fai saber que “as entradas para moitos dos espectáculos están xa esgotadas pero no mesmo día da función e unha vez pasados 10 minutos non se enchen todas as prazas coas reservas poderá seguir entrando xente ao recinto ata completar toda a capacidade”.

A reserva previa de entradas, que se pode facer a través da web municipal, so ten prioridade ata o inicio do espectáculo.