Comunicado do equipo directivo do IES No 1 de Ribeira sobre a reducción de profesorado

Diante da situación creada pola adxudicación de profesorado aos centros de primaria e secundaria para o vindeiro curso, a dirección do IES No 1 de Ribeira quere deixar clara a súa postura e aclarar algúns datos que parecen reflectir que nos movemos no terreo da realidade alternativa, tan tristemente de moda.
En primeiro lugar, e contra o que afirma a Consellería, recollido nun artigo con data 28/07/21 en La Voz de Galicia e asinado por Sara Carreira, SI hai recortes. Pasar de ter unha plantilla de 72 docentes a unha de 66, como é o noso caso, supón un recorte. Pódense facer xogos de palabras e argumentar todo o que se queira, pero é un recorte. Máis aínda se as previsións do número do alumnado se manteñen.
No citado artigo afírmase que “… non é certo que vaia haber menos profesores que no ano 2019/2020”. Cando lemos isto, no despacho onde levamos traballando dende o 1 de xullo para organizar o curso vindeiro, quedamos estupefactos. Pasar de 72 profesores/as a 66 non é “haber menos”?.
Esta dirección non entende os criterios que se seguiron para a adxudicación dese número de docentes ao noso centro, máis alá dos puramente económicos: 6 profesores menos no noso centro supoñen para a Consellería un aforro considerable.
Despois de expoñer a nosa postura á inspectora do centro, conseguimos facerlle ver os argumentos que xustificaban a nosa petición de 70 profesores/as (non os 72 que tiñamos no curso 2019-2020). O informe enviado a Xefatura Territorial solicitaba a adxudicación deses 70 docentes. A inspectora valorou o funcionamento e a organización dun centro que coñece á perfección e considerou axeitada a nosa solicitude. A resposta de Xefatura foi adxudicarnos 66 profesionais para o curso vindeiro.
Esta diminución vai afectar ao funcionamento, á organización e á calidade da ensinanza ofertada polo centro. Medidas ordinarias de atención á diversidade como a creación de agrupamentos específicos en 1o e 2o da ESO para alumnado con dificultades de aprendizaxe non poderán ser levadas adiante. Nestes momentos, aínda con datos provisionais, hai 25 alumnos e alumnas deses dous cursos que non poderán recibir a atención dunha medida como un agrupamento, considerada “ordinaria” pola propia Consellería.
O alumnado que procede do estranxeiro non poderá recibir as clases de alfabetización que son imprescindibles para a súa integración e para que poidan seguir as clases cunha mínima garantía. Tampouco poderemos ofertar alfabetización para os adultos, o que permitía ás familias dese alumnado a comunicación co centro educativo e a súa integración na sociedade.
Tanto os agrupamentos como a alfabetización favorecen a permanencia deste tipo de alumnado dentro do sistema educativo o maior tempo posible e a consecución do título da ESO para o maior número posible. Algo que se recolle nos valores básicos e ideario do noso Proxecto Educativo de Centro.
O funcionamento de laboratorios de linguas e de materias como Bioloxía e Física e Química vese comprometido e desaparecen da oferta educativa. O que supón que a parte práctica destas materias non poderá levarse a cabo reducíndoas aos contidos teóricos. O mesmo pasa cos talleres de Tecnoloxía, onde os desdobres permiten
traballar cun risco menor para a seguridade do alumnado.
A atención ao alumnado con materias pendentes tampouco poderá ser desenvolvida, as gardas verán reducido o número de profesores/as que deben atendelas, co agravante de que o protocolo COVID foi prorrogado cara ao vindeiro curso.
Á vista da situación exposta, solicitamos da administración que se reconsidere a adxudicación de profesorado ao noso centro para poder cubrir a oferta educativa tal e como está formulada neste momento. De non ser así, a calidade do ensino, a organización e o funcionamento do centro veranse seriamente afectados, o que suporá un prexuízo moi importante para o alumnado e as familias. Nestas circunstancias, desde o equipo directivo vemos moi complicado continuar co noso labor e cumprir co recollido no PEC e no proxecto de dirección presentado no seu día.