Baroña acolle unha xornada do Laboratorio Ecosocial do Barbanza sobre o seu modelo exemplar de sustentabilidade

Baroña vai acoller este mércores 14 de xullo a xornada Baroña, a comunidade que fai sustentabilidade, organizada polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza, iniciativa impulsada dende o pasado pola Fundación RIA, con sede en Corrubedo, e a Universidade de Santiago de Compostela, da man do grupo de investigación HISTAGRA.

Trátase dun proxecto de investigación-acción, que conta co apoio da Fundación Santander, e que prestou especial atención á Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Baroña (Porto do Son). Fíxoo situando as súas metodoloxías de traballo como modélicas e referenciais para ser aplicadas noutras contornas que queiran situarse no camiño do desenvolvemento sustentábel, da economía circular e do progreso compatíbel coa conservación do medio natural.

Cando eramos sostibles

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza pon o foco no pasado e o presente das comunidades locais para impulsar os aproveitamentos sustentábeis do futuro. Baixo esta premisa vén de editar a obra colectiva Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro, que se pode descargar de balde na web barbanzaecosocial.org.

Esta publicación ten un dos seus piares nas testemuñas de veciños e veciñas de Baroña, que relataron a relación pasada e presente co monte. Con este traballo procúrase non só reconstruír a memoria da comunidade, senón pensar nela en termos de transición ecosocial: que hai do pasado que poida ser recuperado para contribuír a un futuro máis sustentábel do territorio.

A xornada

A xornada pública celebrase o mércores 14 de xullo ás 19h. na Casa Forestal da Comunidade de Monte Veciñal de Baroña e contará coa presenza dos promotores do proxecto, o catedrático en Historia Agraria da USC Lourenzo Fernández Prieto, e o profesor David Soto, experto en historia ambiental, así como os membros da Fundación RIA, Manuel Rodríguez e Adrián Capelo. O acto contará cun viño galego cortesía da comunidade de montes.