Amicos expón obras de arte con materiais reciclados no Centro Social de Boiro

Na mañá deste 20 de xullo inaugurouse en Boiro unha importante exposición, concretamente a mostra de arte reciclada habilitada pola Asociación Amicos no Centro Social.

Digna Iglesias e José Ramón Romero, atendendo ás explicacións dun dos artistas de Amicos

A apertura da exhibición contou coa presenza do alcalde boirense, José Ramón Romero, acompañado da vicepresidenta da entidade solidaria da nosa comarca, Digna Iglesias, e das e dos artistas activistas de Amicos que colaboraron co seu talento e coa súa conciencia ambiental na elaboración das pezas que compoñen a mostra. Os membros de Amicos explicaron ao alcalde en que consiste a proposta, que se pode visitar en Boiro ata o 25 de xullo.

A exposición é froito dos programas de desenvolvemento integral que impulsa Amicos e, máis concretamente, do obradoiro Expresarte de expresión artística que, con motivo do ano Xacobeo, deu lugar a esta mostra integrada por 15 obras sobre o camiño de Santiago con elementos reciclados e reutilizábeis como son plásticos, cartón, cunchas, madeira…

Ademais da mostra de pezas, Amicos desenvolve no Centro Social unha serie de obradoiros de Expresarte sobre o Camiño de Santiago con materiais reciclados destinado a nenos e nenas que ten como obxectivo poñer en valor o Camiño e transmitir os principios da reciclaxe.

O obradoiro de arte reciclado está destinado a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos e vaise celebrar no Centro Social de Boiro os días 20, 21 e 22 de xullo de 11.00 a 13.00 horas. Tamén o sábado 24 de xullo, no mesmo horario, no marco da Feira Eco-lóxica que se celebra na Praza da Terceira Idade.