A Xunta creará 75 hectáreas de pasteiros nos concellos da Pobra do Caramiñal e Muros

16 Xullo 2021
O conselleiro do Medio Rural, José González, que -acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé- visitou hoxe Porto do Son

A Xunta executará 75 hectáreas de pasteiros por preto de 200.000 euros na provincia da Coruña ao abeiro da segunda fase do Plan de Pastos de Galicia. En concreto, actuarase nos concellos da Pobra do Caramiñal e Muros. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que -acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé- visitou hoxe Porto do Son, concello coruñés beneficiado da primeira fase deste programa que busca a creación de pasteiros para aumentar a base territorial das explotacións ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. No acto tamén estiveron o alcalde sonense, José Luis Oujo, e o presidente da comunidade de montes veciñais en man común de Baroña, Ovidio Queiruga.

Así, os dous representantes de Medio Rural supervisaron os traballos realizados neste monte veciñal, en concreto nos lugares de Raña, Calvelle e Udres. En total, nesta localidade coruñesa executáronse pasteiros en case 31 hectáreas, cun orzamento próximo aos 145.000 euros.

Tal e como sinalou o conselleiro, nunha comarca como a da Barbanza o investimento en pastos para establecer áreas cortalumes é fundamental. Nesa dirección, incidiu en que a Lei de recuperación da terra agraria define esas áreas como aquelas con recorrencia de incendios nas que, pola vía de descontinuidades como os pasteiros, se traballa para facer fronte aos lumes forestais.

En concreto, os labores na zona consistiron na implantación e recuperación dos pastos coa previa preparación do terreo, a súa fertilización e a sementeira de especies pratenses para o alimento do gando. Posteriormente, colocáronse e melloráronse os cercados perimetrais, establecéronse pasos canadenses e dotouse á comunidade de montes dunha manga de manexo.

Segundo apuntou José González, estas tarefas leváronse a cabo no marco da primeira fase do Plan de pastos, na que se executaron 14 pasteiros en montes veciñais que superaban en total as 500 hectáreas. Na segunda fase, está previsto duplicar as cifras, actuando nunha trintena de pasteiros que suman preto dun milleiro de hectáreas.

Cabe engadir que o Plan de pastos de Galicia recolle ata catro fases coas que está previsto traballar nunhas 2.250 hectáreas da nosa comunidade, cun investimento total duns 9,5 millóns de euros.

Outros artigos

Falece afogado un home de 80 anos na praia de Caldebarcos en Carnota

Un home de 80 anos morreu afogado na mañá deste venres na praia de Caldebarcos, no municipio coruñés de Carnota, á que acudira para darse un baño. O falecido é veciño de Caldebarcos. O corpo da persoa falecida foi recuperado por un particular. Foi o mesmo particular...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...