A Xunta comeza a tramitar co Goberno central a transferencia da xestión do dominio público marítimo-terrestre para ter unha competencia integral sobre o litoral galego

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que a Xunta de Galicia iniciará a tramitación perante o Goberno central para acadar a transferencia da xestión do dominio público marítimo- terrestre para ter a competencia integral sobre o litoral galego.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, manteñen unha reunión por videoconferencia.

A conselleira de Medio Ambiente, acompañada pola directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo unha reunión co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e coa directora xeral da Costa e o Mar, Ana Oñoro, para abordar varias cuestións relativas á ordenación do litoral de interese para Galicia. Na mesma agradeceu a boa disposición do Ministerio para a Transición Ecolóxica por estudar esta petición da Comunidade, unha demanda que –tal e como lle indicou a conselleira- conta co apoio dos tres grupo representados na Cámara galega.

Vázquez Mejuto indicou que o departamento que dirixe empezará cos traballos administrativos para que sexa unha realidade canto antes: “Estamos convencidos de que ostentar esta competencia é o mellor para Galicia”.

Así, lembrou que desde o ano 2011 Galicia conta cun Plan de Ordenación do Litoral que acredita un coñecemento dos seus quilómetros de costa, así como dos tempos necesarios. Por outro lado, defendeu que atender esta demanda é conceder á Comunidade unha competencia que hoxe xa teñen Cataluña e Andalucía e que tamén están a tramitar os gobernos insulares de Baleares e Canarias.

Nese sentido, trasladou novamente o interese prioritario da Xunta de Galicia para reactivar o proceso de transferencia de competencias á Comunidade autónoma, a través de mecanismos bilaterales de cooperación, como un Real Decreto das funcións e medios en materia de ordenación e xestión do litoral.

Asemade, explicou que con esta petición se poría fin ao traspaso de competencias a Galicia en materia de ordenación do litoral que se iniciou en 1985 e aclarou que se trata de transferir as funcións e os servizos en materia de ordenación da costa, é dicir, a súa xestión -que non a propiedade dos terreos-.

Catálogo de bens en servidume

A conselleira tamén recordou ao secretario Morán que a Xunta elaborou un Catálogo de bens en servidume de protección do DPMT, no que se identificaron inmobles con valor ambiental, patrimonial ou arquitectónico e diversa tipoloxía construtiva.

Explicou que se se fai extensible a estes inmobles a regulación que se contempla para os Bens de interese cultural (BIC) isto facilitará un cambio de usos; polo que é necesario modificar a normativa de Costas para posibilitar esta ampliación dos usos nas construcións tradicionais do litoral, co fin de implantar actividades económicas e recuperar o patrimonio construído.

A modo de exemplo, explicou que se o Estado atende á demanda da Xunta isto facilitaría que unha conserveira, que na actualidade non ten actividade, podería ser un museo. En definitiva, esta solicitude céntrase en permitir que ás construcións con características especiais se lles poida dar outros usos, como o residencial, hoteleiro, actividades tradicionais ou equipamentos; “unha revalorización que a día de hoxe recibiría un informe negativo por parte de Costas”, indicou.

Outra das cuestións polas que se interesou Ángeles Vázquez foi a postura do Goberno galego fronte ás licencias urbanísticas aos proxectos de rehabilitación de inmobles en zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Neste eido, avanzou que a Xunta se personará en todos aqueles procedementos que inicie o Goberno central sobre a modificación de uso residencial a hoteleiro en construcións en servidume de protección anteriores á Lei de costas, tal e como ocorreu co recurso presentado polo Ministerio ante o Tribunal Supremo á licencia urbanística outorgada polo Concello de Camariñas para a rehabilitación dunha vivenda –que mantén o volume existente- para casa de hóspedes.

Vázquez Mejuto recorda que o Tribunal Supremo fai un recoñecemento expreso de equiparación entre o uso residencial e o hoteleiro aos efectos de regulación de costas, ao existir unha identidade substancial entre ambos conceptos e o considera unha continuación, polo que debe ser autorizable.

A última cuestións que se abordou na reunión foi a relativa á modificación sectorial de Costas para simplificar a tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico, de maneira que sexa acorde á normativa autonómica. Indicou que a proposta que plantexa Galicia é que a emisión dun informe sectorial en materia de Costas sexa nun prazo máximo de tres meses e que se estableza o sentido positivo do silencio, no caso de non emitirse no prazo correspondente.