A conselleira do Mar reafirma en Rianxo o seu apoio á carpintería de ribeira

A sede dos Estaleiros Catoira en Rianxo recibiu este 20 de xullo a visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que salientou “o importante papel que xogan este tipo de talleres de construción de embarcacións en madeira para preservar o saber facer dos carpinteiros de ribeira, unha parte fundamental do patrimonio inmaterial de Galicia”.

Rosa Quintana, Susana Rodríguez e Adolfo Muíños na visita aos estaleiros

A titular de Mar, acompañada polo alcalde Adolfo Muíños e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, fixo un repaso polas actuacións recentes impulsadas polo seu departamento a prol deste sector (por exemplo o convenio coa Asociación Galega de Carpintería de Ribeira -AGALCARI-, por importe de 30.000 euros, para o desenvolvemento de actividades de recuperación, conservación e divulgación do patrimonio marítimo galego e para a protección deste oficio tradicional) e polas medidas que se van poñer en marcha en datas vindeiras.

Rosa Quintana lembrou que Galicia é “das últimas contornas europeas onde a carpintería de ribeira conserva o seu vínculo co territorio e tamén a que ten maior densidade e actividade de construción naval en madeira”. Por iso, subliñou “a relevancia de renovar e modernizar o sector, de diversificar a produción e investir en tecnoloxía, I+D+i e formación co obxectivo de facer fronte a retos do sector como a remuda xeracional”.

Estaleiros Catoira e AGALCARI

Estaleiros Catoira é unha carpintería de ribeira que comezou en 1920 a súa actividade de construción de buques pesqueiros de madeira tradicional e desde entón traballa na construción, reparación e mantemento de embarcacións tradicionais de pesca, auxiliares de acuicultura e de recreo. Dá servizo principalmente a empresas da zona da ría de Arousa nunhas instalacións con arredor de 1.600 metros cadrados de superficie.

Este estaleiro é tamén un dos socios da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI), entidade que foi constituída en 2007 e que agrupa á práctica totalidade das carpinterías de ribeira existentes en Galicia. Entre os seus obxectivos está contribuír a mellorar a competitividade dos seus socios recorrendo ás sinerxías e á colaboración entre eles, a mecanismos de apoio e ao traballo cooperativo en rede.