25 Xullo: Santiago de Compostela recibirá unha inxección de 281,5 millóns no período 2021-2032 aprobada polo Real Padroado

Santiago de Compostela recibirá 281,5 millóns no período 2021-2032 aprobada polo Real Padroado e promete un centro robótico e centos de millóns para Santiago

O Real Padroado da Cidade de Santiago, presidido pola S.M. o Rei Felipe VI, acordou unha proposta de actuación con dotación orzamentaria para o período 2021-2027-2032 por valor de 281,562 millóns de euros e que vira ao redor de tres proxectos aglutinadores.

Por primeira vez en 18 anos, na tarde deste domingo reuniuse o Real Padroado, presidido polo Rey Felipe VI e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Na reunión, o rexedor compostelán Sánchez Bugallo, presentou a proposta de estratexia ‘ Camiño de Compostela 2032’, un documento que se estrutura en tres eixos sectoriais: mantemento e restauración do patrimonio; cultura e sociedade; e espazo público, infraestruturas e medio ambiente.

Conta con outros dous eixos transversais: planificación, formación, Unesco, proxectos europeos e gobernanza; e funcionamento ordinario e mantemento do patrimonio propio do Consorcio.

Esta proposta busca seguir “na mesma liña no futuro de que Santiago siga representando internacionalmente un modelo urbano de éxito baseado no seu valor patrimonial”. Iso si, “revisando constantemente e de forma aberta o concepto de patrimonio para estendelo á forma urbana na súa relación co territorio”.

Na xuntanza presidida polo rei Filipe VI, participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño; o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares; a ministra de Facenda, María Jesús Montero; a ministra de Transportes, Raquel Sánchez; o ministro de Cultura, Miquel Iceta; o delegado do Goberno, José Manuel Miñones, e o presidente do Consorcio e alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo.

Ademais, estiveron o arcebispo de Santiago, Julián Barrio; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e a subsecretaria do Ministerio de Cultura, Andrea Gavela, que actúa en calidade de secretaria.

A reunión do Real Padroado provocou gran expectación este 25 de xullo, Día do Apóstolo e de Galicia, tanto entre os medios de comunicación como entre os visitantes e peregrinos que encheron a cidade este domingo.

Así, unhas 200 persoas permaneceron na Praza do Obradoiro, entre o Pazo de Raxoi e a Catedral, desde tempo antes do inicio do encontro, ás 17,00 horas, e ata pasadas as 18,15, cando abandonou o Hostal dos Reis Católicos o rei Felipe VI.

Previamente deixou o lugar o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen foi pitado e apupado polos asistentes. Unicamente un dos que alí se atopaban aplaudiulle ao berro de “Acaba cos fascistas, Pedro!”. Pola súa banda, Sánchez limitouse a saudar de lonxe e subiuse no coche no que abandonou a praza.

O monarca, pola contra, foi recibido entre aplausos maioritarios, aínda que tamén con apupos. Felipe VI optou por achegarse, aínda que fosen escasos metros, á zona acordoada tras a cal lle esperaban os cidadáns, aos que saudou e agradeceu a súa presenza levándose a man ao corazón.

As palabras do Rei ante o Real Padroado, segundo informou a Casa Real cunha nota, fixeron referencia á “unión que nos fai sempre máis fortes”, ao valorar que “a coordinación entre todos é capaz de dar grandes froitos”.

Nesta liña, trasladou o seu desexo de “unidade”, como a que “nace dunha cidade como Santiago” e “proxéctase ao longo do Camiño de Santiago cara ao resto de España, Europa e o mundo enteiro”.

Pola súa banda, o Goberno central reivindica nun comunicado de prensa o “compromiso histórico” coa capital galega ao sinalar que o Real Padroado deu luz verde a este “investimento histórico”.

A contía de 281,5 millóns, destaca, “garante a preservación e posta en valor do patrimonio cultural de Santiago de Compostela, así como a construción dun modelo con impacto que asentará na cidade ás xeracións futuras”.

O proxecto “Dobre anel”: intervencións nos espazos perimetrais e nas zonas verdes O proxecto “Dobre anel” propón, nun primeiro ámbito de intervención, reordenar todos os espazos perimetrais da améndoa, principalmente o eixe Basquiños – Virxe da Cerca – Senra, coa praza de Galicia como nodo central. O segundo anel sería o formado polos espazos verdes, con actuacións previstas nesta década na Alameda, o Campus Sur, os terreos do Xardín Botánico e Brañas de Sar. Tamén se prevé potenciar a rede de sendeiros que vencellan todos os espazos deste anel verde xunto cos corredores fluviais do Sar e o Sarela, que definen o territorio natural máis próximo á cidade. E, por último, proponse actuar nos dous corredores que conectan os dous aneis, a rúa do Hórreo e a rúa do Sar; a rúa do Hórreo conecta a intermodal coa praza de Galicia e con toda a cidade histórica; e a rúa do Sar une a cidade histórica cos espazos verdes e coa Cidade da Cultura, o que permite ofrecer novos atractivos turísticos que poidan reducir a presión no centro, integrando ademais a Colexiata de Sar como conexión entre a cidade histórica e a Cidade da Cultura.
O proxecto “Xestión de fluxos”: loxística urbana de mercadorías e o valor da auga O proxecto “Xestión de fluxos” é o máis ambicioso, centrado en garantir a preservación patrimonial da cidade histórica, facéndoa compatible coas necesidades e circunstancias actuais, tendo en conta a necesidade de reordenar a distribución de mercadorías e aprovisionamentos e o ciclo integral da auga. No primeiro caso, as actuacións incluirán a
creación dun centro loxístico robotizado de distribución, localizado preto do casco histórico e das principais vías de comunicación, a conformación do modelo con todos os axentes implicados, o deseño de rutas óptimas e a adquisición de vehículos de baixo impacto medioambiental.
O proxecto “Compostela Cultura Area”: a fusión da cultura e o patrimonio
O proxecto “Compostela Cultural Area” busca utilizar os espazos patrimoniais dispoñibles, xunto con outros infrautilizados ou que se poidan xerar en áreas periféricas da cidade, como base de novas dotacións e propostas culturais, de residencias de artistas internacionais e de intercambios culturais. Trátase de crear produtos culturais ligados ao patrimonio, xerando fluxos turísticos que desconxestionen as zonas máis saturadas, dando lugar a un turismo de máis calidade e que alongue a súa permanencia na cidade. Tamén xerar festivais consolidados para os anos entre Xacobeos.
Outras actuacións destacadas
Con esta mesma filosofía de recuperación e utilización de espazos patrimoniais infrautilizados, crearíase o Polo Audiovisual de Galicia, que se localizaría no Instituto Galego de Información, unha vez acometida a adquisición e rehabilitación do edificio. Por outro lado, aproveitando a longa experiencia do Consorcio en recuperar edificios para
usos dotacionais da cidade (Museo das Peregrinacións e de Santiago, Ala Sur de Bonaval para Museo do Pobo Galego, Casa do Cabido, Curtiduría de Pontepedriña para Centro Nacional de Referencia en Formación en Rehabilitación…), proponse tamén recuperar e interpretar o espazo público e outros edificios como soporte de actividades esenciais para a cidade.
Neste ámbito, a intervención máis ambiciosa é a que quere recuperar parte dos edificios do antigo Hospital Psiquiátrico de Conxo e todo o seu contorno como Polo de Formación Profesional Biosanitario.
Monumentos, tecido residencial e comercial
A estas liñas principais de actuación súmase a rehabilitación e conservación do tecido residencial, a revitalización do tecido comercial, a conservación e recuperación das grandes pezas monumentais da cidade, ás que se engade a Facultade de Xeografía e Historia, e dos seus bens mobles, o mantemento do Multiusos Fontes do Sar ou o Palacio
de Congresos, entre moitas outras. Tamén a creación de infraestruturas do século XXI que permitan á cidade histórica gozar das mesmas oportunidades que os barrios periféricos, continuar co mantemento do lousado, os programas de formación e divulgación en rehabilitación, así como a posta en valor do contorno dos camiños. Ademais, destaca o
sostemento de dúas institucións culturais senlleiras da cidade como a Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, entre outras iniciativas.
Todas as liñas de actuación recollidas na proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago forman parte dun novo impulso que contribúe a construír un modelo transformador para a cidade, co que aumenta a competitividade, a posibilidade de mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e a capacidade do seu territorio para evolucionar e adaptarse a distintos escenarios posibles, pero sempre desde a base do seu excepcional patrimonio cultural.

…Descargar a PROPOSTA ESTRATÉXICA:
http://www.consorciodesantiago.org/sites/default/files/propuesta_estrategia_consorcio.pdf
…Descargar o RESUME DA ESTRATEXIA:

http://www.consorciodesantiago.org/sites/default/files/resumen_estrategia.pdf