Volve este 19 de xuño a Velada de Boxeo Cidade de Ribeira

A Escola El Canario retoma (logo da interrupción do ano 2020, marcada pola complexa situación sanitaria) a súa tradicional Velada de Boxeo Cidade de Ribeira, que chega á súa novena edición. Celebrarase o vindeiro sábado 19 de xuño nun escenario diferente ao habitual: o Pavillón Alcalde Torres Colomer en Palmeira. Israel Benítez como responsábel da citada escola, a loitadora Clara Millares, a concelleira de Deportes Juana Brión e o alcalde Manuel Ruiz presentaron o certame no mediodía deste 9 de xuño.

A cita principiará ás 18.00 horas da dita xornada cun programa que inclúe sete combates, seis masculinos e un feminino. Clara Millares será a participante local. Este é o quinto combate ao que se enfronta enriba dun ring (e o segundo no municipio ribeirense) e aínda que se confesou nerviosa espera boxear con confianza.

Entradas

De acordo coa normativa antiCOVID o número de persoas que poderán presenciar a velada será inferior a convocatorias anteriores: un total de 250. As entradas poderán adquirirse a 10 euros comprándoa anticipadamente nas instalacións na escola na rúa Carlos Casares, ou ben a 12 euros no propio pavillón.

O alcalde Manuel Ruiz agradeceu o traballo que vén desenvolvendo a escola El Canario a prol deste deporte, durante moitos anos esquecido nas televisións, en tanto que Juana Brión subliñou o labor da entidade impulsando o boxeo feminino galego.