Verán Activo 2021, o campamento cultural de Lousame, abre o período de inscrición

O Concello de Lousame activou este 17 de xuño (e ata o vindeiro 25 de xuño) o prazo de preinscrición para o campamento cultural Verán Activo 2021, un programa de lecer, deportivo, saudábel e creativo para achegar actividades de conciliación ás familias do municipio durante o mes de xullo. A alcaldesa do Concello de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, presentaron este xoves 17 o programa de actividades, que se propostas, a desenvolver entre o 12 e o 23 de xullo no polideportivo Pilar Barreiro en horario de 09:30 a 13:30 horas.

Trátase dunha iniciativa lúdica e cultural que se dirixe a nenos e nenas de 6 a 14 anos de idade e na que se realizarán actividades cos recursos e paisaxes naturais de Lousame. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, destacou que “ao igual que o ano pasado, púxemos moita atención en todas as medidas de seguridade por mor da COVID-19 para que as actividades se desenvolvan nunha contorna segura”.

Segundo fixeron saber, haberá, entre outras cousas, obradoiros, inchables de auga, rutas de sendeirismo, xincanas acuáticas, xogos populares, campionatos de videoxogos, campionato de waterpolo, actividades de slackline e incluso unha viaxe imaxinaria a Turquía. O programa deseñado polo equipo de Cultura, Deporte e Xuventude do Concello de Lousame inclúe diversas actividades coas que os nenos e nenas participantes gozarán dun verán de aventuras.

Inscricións

As familias empadroadas e con residencia acreditábel no Concello de Lousame terán prioridade para facer a inscrición neste programa. Os prezos son os mesmos do ano pasado, é dicir, 45 euros para todas aquelas familias empadroadas no termo municipal. A admisión das crianzas para participar neste campamento farase tendo en conta a orde de entradas das solicitudes a través de BandoTicket.com. No caso de que quedasen prazas libres non ocupadas polos nenos e nenas lousamiás, abrirase un segundo período de preinscrición entre o 28 de xuño e o 2 de xullo.