Ribeira súmase á campaña Non nos xulgues en apoio da mocidade tutelada

30 Xuño 2021

O Concello de Ribeira vén de adherirse á campaña Non nos xulgues promovida pola ONG Igaxes co propósito de rachar prexuízos e estereotipos en torno á mocidade tutelada.

Igaxes é desde 2005 a organización responsábel de desenvolver o programa de vivendas Mentor, financiado polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia, que acompaña a mocidade tutelada no seu camiño cara a vida independente.

Coa campaña de sensibilización Non Nos Xulgues, a organización quere achegar á cidadanía a realidade destes nenos e nenas de primeira man: a través das súas historias, con eles e elas como únicas protagonistas.

O Concello de Ribeira recorda que “as mozas e mozos que medran nun centro de menores non son máis conflitivos, nin menos estudosos ou traballadores ca o resto da xuventude; de feito a única razón pola que viven baixo a tutela do sistema público de protección é porque non contaron cun fogar seguro no que crecer”. Aínda así, explican o Concello e Igaxes, “parte da sociedade continúa a xulgalos, colocándolles etiquetas inxustas que pesan e discriminan”, unha situación que se mantén unha vez que saen do sistema de protección, xa que non teñen unha familia á que volver e teñen moitas dificultades para atopar un posto de traballo, algo vital para a súa inclusión.

Nas redes sociais, Igaxes espallará a voz das persoas tuteladas baixo o hashtag #NonNosXulgues, animando a cidadanía a compartir esta mensaxe para que acabar co estigma se converta nunha misión colectiva.

Ademais, na web interactiva www.nonnosxulgues.gal, algúns destes mozos e mozas narran as súas propias experiencias e abren as portas da súa casa, coa única vontade de compartir a súa realidade e derrubar prexuízos.

Outros artigos

Vehículo envorcado na avenida de Ferrol, en Ribeira

O parque provincial de Boiro recibiu aviso na madrugada deste venres 7 de febreiro dun accidente por envorco na avenida de Ferrol, no concello de Ribeira. Ao chegar ao lugar, o vehículo xa fora retirado pero a consecuencia do sucedido unha mancha de líquido esvaradío...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión