Portos de Galicia lembra aos promotores de eventos que deben planificar a súa tramitación segundo a orde vixente

Portos de Galicia fai un chamamento aos promotores de eventos e celebracións en terreos portuarios para que planifiquen en tempo e forma a súa tramitación adaptándose aos requisitos establecidos na orde reguladora destes permisos aprobada pola presidenta do ente público, Susana Lenguas, en maio de 2020. Este documento, que ten como principal obxectivo garantir a seguridade das persoas e compatibilizar todos os usos dos terreos portuarios, integrando os usos recreativos sen prexuízo para a normal operativa portuaria, está dispoñible na páxina web
de Portos de Galicia, no apartado ‘Información útil’, co que tamén se pode tramitar o permiso en liña.
Ante a chegada do verán e a previsible celebración de espectáculos e eventos festivos nas dársenas de titularidade autonómica, o ente público lembra que os promotores destas actividades deben planificar a tramitación dos permisos coa marxe temporal necesaria e asumindo as indicacións que se recollen na orde. Así mesmo, sinala que existe a
posibilidade de solicitar eventos programados anualmente nun único trámite. Deste xeito pódense formalizar de forma única a fianza e as garantías, o que reduce substancialmente os trámites no referente a festas patronais e outros eventos que se repiten ao longo do tempo.
A normativa clarifica a tipoloxía de eventos autorizados nas distintas zonas de solo de cada peirao para facilitar a súa organización e celebración. Con esta fin, zonifica o solo portuario segundo a súa actividade clasificándoo cun código de cores que representa o nivel de actividade allea á portuaria que pode acoller cada zona. Así mesmo relaciona
expresamente aqueles eventos que poden realizarse en cada unha destas zonas, permitindo unha maior planificación e garantías para os solicitantes e promotores de eventos. Finalmente reserva espazos sen actividades de ocio público por motivos de seguridade ou respecto á operatividade do sector profesional.