O V Premio Begoña Caamaño recoñece o uso das artes para a integración da Asociación Ambar

O xurado concede a premio convocado pola Deputación da Coruña á entidade da Barbanza que traballa desde hai case corenta anos principalmente con mulleres con diversidade funcional

Un xurado composto polas xornalistas Carmen Merelas Rico, Rebeca Munín Oliveira, María Obelleiro Hermida e Fernanda Tabarés co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria decidiu outorgar por unanimidade o V Premio Begoña Caamaño de acción cultural pola igualdade á Asociación Ambar pola utilización da cultura como ferramenta para a integración e a eliminación das desigualdades. 

O xurado destaca da entidade o “labor que desenvolve desde hai 40 anos para rachar coa dupla discriminación que representa ser muller e ter diversidade funcional, desde un ámbito comarcal e con ferramentas innovadoras afastadas do paternalismo e promovendo a autonomía e a igualdade desde o asociacionismo de base”.

A Asociación Ambar traballa desde hai case 40 anos co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional, promovendo a súa independencia e igualdade de oportunidades na comarca da Barbanza. Coa a súa actividade perseguen romper barreiras, prexuízos e desigualdades coas que se atopan, evitando perpetuar estereotipos a través de proxectos innovadores que traballan directamente con todos os sectores, moitos deles coas artes como ferramenta de especial interese.

Ambar aposta así pola cultura e a arte para a integración e a eliminación de discriminacións e, así, no ano 2015 naceu o grupo de artes escénicas, que a día de hoxe está integrado na súa totalidade por mulleres.

Entre outras cousas, ademais de xerar unha cultura accesible e transmitir ao público mensaxes de interese social, trasladan mensaxes por mulleres con diversidade funcional “que se ven moitas veces na obriga de romper un dobre parede de prexuízos: ser muller e ter diversidade”

Ademais, cada ano súmanse á loita contra a violencia machista e reivindican o apoderamento e igualdade de oportunidades, experimentando con formatos, mensaxes, canles e accións que sensibilicen arredor desta realidade.  

Nas anteriores edicións recibiron o Premio Begoña Caamaño a compañía A Panadaría na cuarta edición; o Observatorio da Mariña pola Igualdade na terceira; Elas tamén Pintan e Implicadas no desenvolvemento na segunda e a Libraría de Mulleres Lila de Lilith na primeira.