O Laboratorio Ecosocial do Barbanza selecciona os proxectos beneficiados do seu programa de proxectos semente

18 Xuño 2021

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza, impulsado pola Fundación RIA (Rede de Innovación Arousa) e o grupo HISTAGRA da USC, vén de resolver a súa Convocatoria de Proxectos Semente. Fíxoo anunciando as iniciativas finalmente seleccionadas, promovidas (primeiro) pola Comunidade de Monte Veciñal en Man Común O Fieitoso de Taragoña, (segundo) por unha explotación gandeira familiar nas Brañas de Laíño e (terceiro) polo Instituto de Educación Secundaria Félix Muriel de Rianxo. As tres propostas gañadoras recibirán un respaldo económico de 5.000 euros cada unha, así como asesoramento técnico e apoio á comunicación ao longo de 2021.

As Brañas de Laíño, en Dodro, nunha imaxe aérea da Fundación RIA

Foron seleccionadas de entre un total de 15 candidaturas presentadas á Convocatoria de Proxectos Semente do Laboratorio Ecosocial do Barbanza -un proxecto da Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA), grupo HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela, Fundación Banco Santander e Cátedra Juana de Vega-. A resolución fíxose pública este venres 18 de xuño.

A convocatoria

A Convocatoria de Proxectos Semente foi o primeiro paso da segunda fase do Laboratorio, na que poñer en práctica os principios da sustentabilidade identificados durante a investigación que levou a cabo en 2020 e que tivo como broche a publicación do libro Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro (dispoñíbel para descarga gratuíta en español, galego e inglés en www.barbanzaecosocial.org).

Da devandita investigación desprendíase “a importancia de conxugar os aproveitamentos produtivos sustentabilidade e a demostración dos seus beneficios (ambientais, económicos e sociais) e a súa divulgación, así como desenvolver estas actividades en coordinación coa comunidade local, establecendo e reforzando lazos de unión entre as persoas e o territorio”.

Tres propostas exemplares

Dende o Laboratorio consideran que as tres propostas seleccionadas conxugan de maneira exemplar as vertentes de sustentabilidade, riqueza, rendibilidade e territorio “cun gran potencial de impacto, visibilidade e desenvolvemento”. Segundo engaden, “a selección final dos proxectos reflicte a diversidade de enfoques das candidaturas, así como de axentes promotores das mesmas (iniciativas particulares, asociacións e comunidades de montes, e institucións educativas)”. Desde o Laboratorio destacan “a calidade de todas as candidaturas recibidas, o que pon de relevo a existencia dun gran potencial para impulsar o desenvolvemento das áreas rurais da comarca por parte da comunidade local”. O equipo do proxecto tamén manifesta a súa vontade para “colaborar con todas as iniciativas, aínda que non fosen seleccionadas”, e “animando aos candidatos para presentar os seus proxectos en próximas edicións da convocatoria”.

O alumnado do IES Félix Muriel de Rianxo traballando en tarefas de rexeneración medioambiental

O proceso de selección

Na dinámica para a selección dos iniciativas semente tivéronse en conta múltiples aspectos como o seu valor produtivo, a súa contribución á comunidade, a súa contribución á rexeneración ambiental e “o carácter semente de cada proxecto”, ou sexa, a súa importancia como futuro modelo a seguir por outras entidades e persoas. Tívose en conta “que as accións se puidesen executar nun marco temporal reducido para conseguir resultados e valorando que incluísen intervencións físicas tanxíbeis no territorio”. En paralelo tamén se considerou “a súa capacidade para desenvolverse por si mesmas, ou se existían outras fontes de financiamento ou colaboradores que potencialmente impulsarían estas iniciativas, contando co asesoramento do equipo do Laboratorio”.

Tras un debate extenso, que contou coa participación dos equipos de Fundación RIA, o grupo HISTAGRA da USC, as achegas de Fundación Banco Santander e dun Consello Asesor composto por investigadores das universidades galegas e asesores expertos na promoción do desenvolvemento rural chegouse á selección de tres proxectos.

Gando vacún nas Brañas de Laíño nunha imaxe do Concello de Dodro

Os proxectos seleccionados

1-Comprender e transformar o territorio desde a biocultura

Promove Instituto de Educación Secundaria Félix Muriel de Rianxo.

Tema

Educación aplicada sobre a xestión e o manexo do territorio reforzando a conexión mocidade-comunidade-territorio

Contexto

O incendio que en 2019 arrasou a práctica totalidade da superficie forestal de Rianxo ( aprox. 1000ha) provocou un cambio de mentalidade na comunidade local, que xestiona en man común a gran parte destes terreos. O Instituto de Secundaria, cuxa maioría de estudantes son fillos de comuneiros directamente afectados, emprendeu un proxecto educativo dentro do marco Proxecto Terra, no que se propoñían estruturar o ano académico ao redor desta temática: estudar a causa dos incendios, accións preventivas, a ordenación do territorio, biodiversidade e aproveitamentos sustentábeis; e emprender accións en colaboración coa comunidade: xornadas participativas, plantación de frondosas en áreas queimadas, eliminación de especies invasoras, medir e planificar plantacións no patio, etc. O profesor promotor do proxecto (Rafael Saco) recolle no seu blogue as actividades que realizan os seus alumnos.

O proxecto

A construción dun espazo semicubierto e a preparación de bancales para sementeiros, que permitirán a replicación de frondosas para a súa plantación no monte, supoñen as infraestruturas básicas para reforzar a conexión do instituto coas Comunidades de Montes Veciñais en man común mediante unha educación práctica e aplicada. O proxecto promove as actuacións de rexeneración ambiental nos montes queimados, fomentando a colaboración de voluntarios, asociacións sectoriais e centros de investigación relacionados co sector.

2-Máis ca leña

Promove Comunidade de Monte Veciñal en Man Común O Fieitoso de Taragoña.

Tema

Demostración de usos sustentábeis no monte e a súa planificación

Contexto

A comunidade de montes que promove o proxecto propúxose, recentemente, promover, demostrar e divulgar os valores e beneficios ambientais, económicos e sociais dunha xestión multifuncional, diversificada e sustentábel do seu monte. Con 77 hectáreas de superficie, a Comunidade de O Fieitoso, tenta transformar a maneira de planificar e aproveitar o monte (en colaboración co CEP Brea Segade e a asociación veciñal Fousas ao Monte), seguindo os exemplos doutras comunidades como Froxán ou Baroña. Na actualidade realizan numerosas actividades educativas e organizan xornadas de voluntariado para intervir mediante plantacións, retirada de especies invasoras ou formación en novos aproveitamentos.

O proxecto

A proposta presentada ten como centro a consolidación dunha “aula didáctica” para alumnos Primaria e Infantil, aínda que esta é só una das súas actividades. Non é só un proxecto educativo, senón unha iniciativa demostrativa aberta ao público en xeral, coa que mostrar aproveitamentos sustentábeis con beneficios ambientais, sociais e económicos que poden darse no monte, entre os que se inclúen o silvopastoreo, a apicultura ou a micoloxía.

3-Establecemento dunha gandería extensiva de vacún de carne nas Brañas de Laíño

Promove María Teresa Feiría Baleirón

Tema

Produción sustentábel compatíbel con protección ambiental (e mesmo beneficiosa para ela)

Contexto

As Brañas de Laíño é un espazo localizado na ribeira do río Ulla, tradicionalmente xestionado de forma comunal para a alimentación de gando, primeiro bois e logo produción leiteira, e en torno ao cal se organizaban unha intensa e variada actividade agrícola. Estes usos desenvolvidos na primeira metade de século XX deron lugar á creación das primeiras cooperativas lácteas de Galicia e recoñecer este territorio como unha zona de alto valor produtivo. O cambio de modelo produtivo desde os anos 60, e as progresivas figuras de protección (Costas, Rede Natura, LIC) que se aplican ás Brañas, eliminaron calquera vestixio de gandería e a práctica desaparición dos usos agrícolas, que no seu momento eran compatíbeis cunha conservación da biodiversidade. A pequena explotación familiar promotora do proxecto comeza hai 6 anos a desenvolver de novo a actividade gandeira, con razas autóctonas, en base ao préstamo de terras dos veciños a cambio do mantemento, o que resulta actualmente nunha granxa de 15 vacas e varias decenas de terras de veciños xestionadas deste xeito.

Na contorna natural do humidal das Brañas, a ave migratoria escribenta das canaveiras (GAL), o escribano palustre (Emberiza schoeniclus), reduciu progresivamente nas últimas décadas a presenza nesta área, mentres non o fixo noutras zonas húmidas de Galicia, o que se relaciona coa desaparición de pastos e cultivos de cereais dos cales se alimentaban.

Outra vista da contorna das Brañas de Laíño, en Dodro

O proxecto

O proxecto dá continuidade a unha das consideracións iniciais do Laboratorio Ecosocial do Barbanza: a protección ambiental ten que vir da man do manexo sustentábel por parte das comunidades locais. A selección deste proxecto supón a aplicación da investigación desenvolvida ao redor das Brañas de Laíño e “poder ter capacidade de xerar exemplo entre outros promotores individuais da contorna”.

A granxa familiar aposta pola venda directa, destacarse pola calidade baseada na alimentación e confía en promover unha marca propia de Laíño.

As súas necesidades relaciónanse principalmente coa mobilidade entre terras, para trasladar o gando a outras áreas de interese (para o seu aproveitamento ou limpeza e conservación).

Outros artigos

Este venres recala en Boiro “Deadpan Karaoke” de Ibuprofeno Teatro

A Casa da Cultura de Boiro vai dar acollida este venres 26 de abril á representación teatral de Deadpan Karaoke, a cargo de Ibuprofeno Teatro, a partir das 21.00 horas. As entradas estarán á venda dende unha hora antes da función na billeteira. Trátase dunha peza para...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...