O Gran Trofeo Faro de Corrubedo volve iluminar a Regata Ramiro Carregal Rey no Barbanza

Ribeira e Portosín protagonistas esta fin de semana con máis dunha vintena de barcos rexistrados.

O Gran Trofeo Faro de Corrubedo volve iluminar a Regata Ramiro Carregal Rey en todo o Barbanza, grazas á
posta en marcha dun dos grandes eventos deportivos da comarca vinculados directamente á mar.
Organizado polo Real Club Náutico de Portosín, o seu Salón Nobre serviu de marco de presentación do evento na mañá deste martes 22 de xuño, un acto presidido polo propio Ramiro Carregal e ao que acompañaban o presidente da entidade portosinense, Jorge Arán; o Alcalde de Porto do Son, Luís Oujo; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o Comodoro do club, Fernando González; o Concelleiro de Turismo, Manuel Dean; e o membro da Xunta Directiva do Real de Portosín, José García.
“Esta non é unha regata calquera, é unha regata especial, ten mesmo un sentimento moi persoal pola gratitude que lle temos a Ramiro Carregal Rey, pola súa tenacidade e por permanecer sempre á beira da vela”, comentaba Arán.
Destinada á clase cruceiro ORC, a XXI edición da regata, cancelada en 2020 debido á pandemia, terá tres categorías en liza: Regata, Cruceiro/Regata e Cruceiro, con algo máis dunha vintena de barcos que xa confirmaron a súa participación.
O Top de saída á primeira proba darase ás 12 do mediodía do sábado 26 de xuño desde as inmediacións da bocana de entrada ao Club Náutico e Deportivo de Riveira, cun trazado costeiro entre as rías de Arousa e Muros e Noia, sendo a navegación libre, optando os veleiros, con toda probabilidade e dependendo das condicións de mar e vento, tentar acurtar a derrota polo coñecido Paso de Sagres, que evita o percorrido externo pola Illa de Sálvora.

Beleza paisaxística polo litoral galego, navegando zonas tan espléndidas como as dunas de Corrubedo, o seu Faro, que lle dá nome ao Trofeo, os Castros de Baroña ou a chegada nas proximidades do Real Club de Portosín.
O domingo 27 de xuño dispútase a segunda xornada, con dúas probas técnicas ao vento, tipo barlovento-sotavento e que arrincarán tamén ás 12 do mediodía, tendo como marco o interior da ría muradá e noiesa.
O gran vencedor da xeral da edición disputada en 2019 foi o Grupo Santorum& amp;Martínez, patroneado por Javier Durán, do Club Náutico e Deportivo de Riveira, que gañou tamén na súa división de Regata. Na División dos Cruceiro/Regata, o titular foi o Ziralla Primeiro, de Ramón Barreiro, do Real Club Náutico de Sanxenxo. E nos Cruceiro o vencedor foi o Cámping Ría de Arousa, de José Manuel Pombar, que defendía a grímpola do Club Náutico de Boiro.