O Concello de Ribeira encherá o verán de actividades deportivas no mar para a rapazada

07 Xuño 2021

As concellerías de Cultura, Xuventude e Deportes do concello de Ribeira van organizar durante os meses de verán, unha serie de cursos e actividades náuticas a través das cales a xuventude poida facer actividade física ao aire libre.

Haberá cursos de iniciación ao surf (100 prazas), de iniciación ao windsurf-paddle surf-kaiak (60 prazas) e cursos de iniciación á vela (90 prazas). Todos eles serán aptos para nenas e nenos nados entre os anos 2012 e 2002. Para estas actividades é indispensábel saber nadar.

Dunha banda, o curso de surf celebrarase nas praias do Vilar e da Ladeira, mentres que os cursos de iniciación ao windsurf, ao paddle surf e ao kaiak realizaranse no areal de Coroso. Os cursos de vela faranse no Club Naútico deportivo de Ribeira. As actividades terán unha duración de entre 10 e 12 horas e serán impartidas de luns a venres. Ademais, haberá diversas quendas ao longo dos meses de xullo e agosto.

En xeral, cada persoa solicitará praza nas actividades que lle sexan de interese pero só poderá anotarse nun curso da mesma actividade. Os interesados nas actividades náuticas ou outras nas que haxa opción de escoller entre varias opcións, poderán marcar unha orde de preferencia á hora de escoller quenda, ata un máximo 3 rexistros, aínda que so terase en conta o primeiro rexistro que acade praza. No caso de que o número de prazas sexa maior que o número de solicitudes, darase preferencia ás persoas empadroadas no concello. Tamén poderase realizar un sorteo público.

As solicitudes poderanse presentar do 11 ao 18 de xuño de 9:00 a 18:30 horas. Estas faranse a través do rexistro xeral do concello de Ribeira de maneira telemática ou presencialmente. O 21 de xuño publicaranse na páxina web do Concello de Ribeira as listaxes provisionais de admitidos e o 25, sairá a lista definitiva. As persoas admitidas deberán abonar a taxa correspondente ata o 2 de xullo. Con todo, unha vez rematados os prazos, se quedan prazas libres, poderase seguir anotando xente ata que se esgoten as mesmas.

O pago deberá facerse online ou a través da sucursal bancaria. Así, o curso de escolas deportivas de verán terá un prezo de 16,80 € / curso completo (dende o 5 de xullo ao 31 de agosto). Doutra banda, Os cursos de surf e windsurf-paddle surf-kaiak terán un prezo de 40€ / curso. Na mesma liña, os cursos de iniciación á vela lixeira terán un prezo de 25€ / curso. Cabe mencionar que aplicarase unha bonificación do 50% no segundo fillo que realice o curso, sendo gratuítos os restantes. Sen embargo, non están incluídos os cursos de surf, os de windsurf-paddle surf- kaiak nin os de iniciación á vela lixeira.

Os interesados deberán escribir un correo electrónico ou consultar a web do Concello, así como acudir á Oficina de Deportes do Complexo Deportivo A Fieiteira ou chamar ao teléfono 981 87 36 46.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión