En Rianxo a Policía Local detivo a un veciño de 21 anos por agresións aos axentes

A Policía Local de Rianxo fixo balance das actividades recentes en materia de seguridade no concello e, tamén, en materia de dispositivos anti-COVID. Segundo fixeron saber os axentes, o pasado 27 de maio procederon á detención dun varón de 21 anos de idade e veciño da localidade como presunto autor de danos e atentado a axentes da autoridade. Os feitos ocorreron arredor das 15 horas do mesmo día cando o detido irrompeu nas dependencias do concello causando danos materiais de diversa contía para fuxir logo, sendo localizado con posterioridade por una patrulla do corpo. O individuo, cando os axentes quixeron proceder á súa identificación, agrediunos de forma súbita con patadas e puñadas, polo que tivo que ser reducido, procedéndose á súa detención e traslado ós calabozos para ser posto a disposición xudicial.

Segundo constatou a Policía Local de Rianxo, un dos policías sufriu feridas leves sen causar baixa para o servizo.

Á citada persoa cónstanlle 23 antecedentes por diversos ilícitos e 8 detencións anteriores por delitos contra as persoas e o patrimonio, sendo apreixado pola Policía Local en 3 ocasións durante o pasado mes de maio do presente ano por feitos similares.

Balance de maio

Por outra banda, durante o mes de maio de 2021, e “froito da actividade operativa realizada en materia de seguridade cidadá”, procedeuse á instrución de cinco atestados xudiciais e a efectuar dúas denuncias por incumprimentos diversos da Lei de Seguridade Cidadá. Amais, 5 persoas foron postas a disposición do Xulgado de Garda de Padrón por distintos tipos penais entre os cales se atopan 1 reclamo xudicial para detención e facer acto de presenza, 1 persoa por quebrantamento de condena por violencia de xénero, 1 por danos e 1 por falsificación de moeda e estafa.

Amais, froito dos controis establecidos tanto dentro do plan de coordinación autonómica de seguridade viaria como dos controis dos cumprimento dos distintos peches perimetrais decretados pola situación da pandemia, instruíronse dilixencias xudiciais a catro condutores por, entre outras causas, delitos contra a seguridade viaria motivadas por mobilidade ao volante carecendo de permiso de condución por perda de vixencia ou por estar baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

Asemade, dentro da participación na campaña de control de velocidade, alcohol e drogas na condución en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, procedeuse ao control de 2.893 vehículos en diversos puntos do concello, detectándose 29 infraccións de velocidade, 6 de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas, 7 de condución con presenza de drogas no organismo e 16 por infraccións relativas ás condición técnicas (carecer de ITV), 3 por carecer de seguro obrigatorio e 2 por documentación relativa ós condutores, todas elas implicando infraccións administrativas.