En liberdade con medidas cautelares o autor de dous delitos continuados de roubo en Rianxo

O Xulgado de Instrución número 1 de Padrón (en funcións de garda), decretou na mañá deste 4 de xuño a posta en liberdade con medidas cautelares do presunto autor de dous delitos de roubo con intimidación acontecidos o pasado 2 de xuño en Rianxo.

Os feitos producíronse sobre as 12.50 horas dese día, cando o detido irrompeu nun establecemento comercial, e baixo ameazas cunha arma branca, fíxose coa recadación existente na caixa, emprendendo a fuxida á carreira, recuperándose o coitelo co cal ameazara previamente á dependenta.

Activado o correspondente dispositivo por parte da Policía Local de Rianxo en colaboración coa Garda Civil de Rianxo, tívose coñecemento de que sendo arredor das 19.45 horas, e por parte dunha persoa que respondía ás mesmas características físicas, volvéronse producir feitos semellantes no mesmo establecemento, polo que unha vez coñecidos estes, as unidades que se atopaban na rúa localizaron ao presunto autor cando abandonaba a zona, o cal, ao detectar a presenza policial, deuse novamente á fuga por varias rúas do casco urbano, desprendéndose de parte das súas vestimentas e sendo alcanzado logo polos axentes locais, e detido en colaboración da Garda Civil de Rianxo, que foron quen de recuperar as prendas de vestir das cales se desfixo durante a fuxida para evitar ser localizado.

O detido resulta ser un veciño do concello de 35 anos de idade, ao cal lle constan varios antecedentes por delitos semellantes, séndolle intervidas dúas armas brancas no momento da súa detención. Foi trasladado ós calabozos e as dilixencias instruídas e efectos intervidos remitidos á Garda Civil de Rianxo para a súa posta a disposición xudicial.

Os axentes continúan coas pescudas tendentes a determinar a participación do detido en feitos similares.