Comezan a aparecer xa os primeiros tesouros do concurso rianxeiro A miña avoa

Estes días colleu novo impulso a campaña A miña avoa, posta en marcha polo Concello de Rianxo para fortalecer a aposta polo comercio local a través dun convite á busca de tesouros (no que a propia vila de Rianxo e a súa contorna constitúen o mapa de descubrimentos que a veciñanza participante deberá desentrañar).

Segundo confirmou o Goberno local, xa comezaron a aparecer os tesouros da iniciativa. Sen ir máis lonxe, Noel Aido Galbán atopou, neste arrinque da campaña en xuño, un vale baixo o banco de pedra da igrexa grazas á pista 6, e outro no exterior do cemiterio de Rianxo que correspondía á pista 8. Por outra banda, Marité Varela Sóñora atopou o tesouro núm. 7 detrás dun sinal na praia de Tanxil. Porén, o Concello lembra que quedan aínda moitos tesouros por atopar, e que, quen queira animarse a localizalos, pode informarse ao miúdo das bases do certame na web municipal.

A campaña

O Concello de Rianxo quixo activar este verán unha proposta lúdica e participativa para dinamizar o comercio local nestes tempos de paulatina recuperación ao tempo que recoñece e distingue a implicación das rianxeiras e rianxeiros cos establecementos dos seus veciños e familiares. Trátase do concurso A Miña Avoa, no que participarán máis de 100 negocios locais. Neles, os participantes poderán obter as pistas que os leven a atopar un dos moitos tesouros agochados pola vila, que son vales de compra para o comercio local.

Desafío arqueolóxico

O certame consiste nun xogo de pistas e descubrimentos, a xeito de reto arqueolóxico. Proponse unha historia a través dunha antiga publicación na que un entrevistado fala da súa avoa, unha celebridade da vila que é moi probábel que agochase agasallos por todo o concello, “como facía cos seus regalos de aniversario cando era só un neno”, sinala o entrevistado, que remata o seu diálogo deste xeito: “Foi unha gran avoa, unha gran persoa e sobre todo, unha gran arqueóloga”. No texto ofrécense unha serie de pescudas para a localización dos tesouros.

Fomento da economía local

O obxectivo principal da iniciativa é “fomentar a economía no sector da restauración e do comercio local” ao tempo que se potencia “o lecer e a cultura do municipio” e “impúlsase o traballo en equipo dentro dos círculos familiares”. Os ingredientes principais do concurso son os cheques-agasallo e, tamén, a repercusión que de seguro acadará a iniciativa nos medios de comunicación, ao tratarse “dunha campaña innovadora, orixinal e diferente”, en palabras do Concello.

O concurso arrincou esta fin de semana que vimos de deixar atrás.

Quen queira máis información sobre a iniciativa, pode consultar estas ligazóns.