Unha suba histórica afectou no mes de xuño ao recibo da luz eléctrica tanto nos fogares dos cidadáns españois como na industria de todo o Estado. E malia o prexuízo derivado desa suba, ninguén falou nunca de que o recurtamento impositivo aprobado agora polo Goberno sexa unha subvención ao consumo enerxético. Todo o contrario do que acontece no mar coa exención fiscal que se aplica desde vai anos ao gasóleo pesca, ao do transporte por estrada ou mesmo ao aéreo e que, no caso de non ser de aplicación á pesca, a frota artesanal -maioritaria en Galicia- padecería as consecuencias de xeito directísimo porque o prezo do gasoil -xa excesivo para o rendemento na explotación dos barcos- dobraría o que rexe actualmente en todas as frotas. Un feito destas características significaría, á súa vez, unha prexudicial suba nos prezos ao consumidor que retraería a compra de peixe e, con este retraimento, un dano máis para po sector estractivo.Preguntaráse o lector a que ven esta introdución.
Pois, sinxelamente, a que a Organización Mundial do Comercio (OMC) chama a rebato aos seus 164 Estados membros para que interveñan decididamente na Conferencia que o 15 de xullo levará ao foro sobre a pesca un previsible debate sobre a “eliminación” dos denominados “subsidios” a actividade pesqueira, incluídas nas exencións fiscais ao gasoil.
Debido aos efectos aínda vixentes da pandemia de COVID-19 que en Suiza -sede da OMC- perduran de xeito preocupante, a reunión da propia OMC en Xenebra vai ter carácter virtual, o que non privará a algúns dos ministros dos Estados membros a asistir persoalmente ao foro, dado o seu interese por este delicado asunto das exencións fiscais. Neste senso, nada se coñece oficialmente da posición española ao respecto e, especialmente, se vai estar representada ou non en Xenebra, coñecido de antemán o grande interese que para as frotas españolas ten o asunto en cuestión: o propósito de poñer límite aos “apoios” considerados “ilegais” ou que supoñen unha “presión excesiva” sobre os recursos mariños con consecuencias que din son “graves” pola sobreexplotación de algunhas pesqueiras. Esta consideración non demostrada exactamente é rebatida por países do Atlántico noroeste que, contando con esa exención no combustible para a pesca, nunca chegaron a sentir os efectos desa sobrepesca que determinadas organizacións ecoloxistas fan recaer sobre países que, como é o caso de España, sí dispoñen desa exención que os medioambientalistas cualifican de subvención e que organizacións como a española CEPESCA (patronal pesqueira) rexeitan claramente: “En ningún país que dispoña desa exención, esta é considerada subvención, malia a existenza de países -caso de China- no que esas axudas sí se concederon, primando o consumo de combustible”.
O problema xorde con determinadas organizacións ecoloxistas que, afirma Javier Garat, secretario xeral de CEPESCA, “levan moitos anos de campaña espallando esa idea da subvención, mesmo pagando estudos interesados realizados pola universidade de Columbia que, con datos trasnoitados, vellos, convenceron a algúns -poucos- de que esas para nós exencións eran prexudiciais para a pesca. É unha exención fiscal que, de non existir, obrigaría aos nosos barcos a pagar o dobre polo prezo do combustible e sen ningún sentido”.
Os ecoloxistas máis empecinados na loita contra tal exención fiscal convértense, neste caso, en “lobbys” contra a pesca, especialmente a artesanal pola causa xa citada, cuestión que Javier Garat espera non se dea porque as posturas non están nada claras: “Esperamos que a Comisión Europea e, particularmente, España, loiten por acadar poñer a salvo a exención que existe aquí e que eses medioambientalistas están empeñados en facer aparecer coma unha subvención”. Foron precísamemte os medioambientalistas os que máis atrancos puxeron en ocasións anteriores coas súas discrepancias, ata o punto de bloquear os avances nas negociacións co argumento da loita contra a pesca ilegal.
Ás organizacións de pescadores en Europa preocúpalles o impacto que poida causar un acordo nas modificacións fiscais por causa do gasóleo. Non é de esperar que desta reunión da OMC saia un acordo, pero sí que en xullo senten as bases para unha concreción posterior, en setembro, que nos últimos 20 anos non se acadou no seo da organización mundial.
Á marxe das exencións, as axudas á pesca mundial sitúanse entre os 20.000 e os 30.000 millóns de dólares.