Boiro sen orzamentos ao tiralos a oposición

Os nove votos en contra de PP, Cidadáns e IC Boiro tombaron os orzamentos presentados polo equipo municipal, que só conseguiu o respaldo do BNG porque, segundo explicou Carlos Ansoar, “inclúen proxectos que eran peticións nosas”.

O primeiro tenente de alcalde, Luís Ruiz, presentou a proposta económica -que ascende a 15,4 millóns de euros-, pero previamente tamén achegara un expediente de modificación de crédito no que enumerou algúns dos proxectos máis importantes que se ían a levar a cabo co remanente de case catro millóns de euros do que se dispoñía, e co que “o Concello quere cambiar e pasar a ter un rol proactivo para axudar aos veciños e aos sectores que o están a pasar tan mal como consecuencia da pandemia, como ou comercio ou a hostalaría”.

O concelleiro de Cidadáns, Carlos Rodríguez, puxo en dúbida todas as propostas do equipo de Goberno, e tamén o edil de IC Boiro, Antonio García Castro, acusou o Executivo de “facer os orzamentos a ollo” e sen ter en conta as peticións do resto de membros da Corporación, algo no que coincidiu co portavoz popular, Juan José Dieste, quen recriminou “a falta de iniciativa do Executivo local, que ten a mellor situación económica dos últimos 25 anos”.

Tras rexeitarse as propostas de orzamentos, a edil de Boiro Novo, Dores Torrado xustificou a súa abstención “alegando que o PSOE non parar de buscarse noivas nestes dous anos, perseguindo apoios nun lado e doutro, e o único que conseguira é quedar só”.