As empresas de transformacións e de cultivo de produtos do mar serán compensadas ata o 50% das perdas de ingresos pola Covid 19

As empresas de transformación e cultivo de produtos do mar de Galicia disporán dun total
de 7,5 millóns de euros para compensar a caída de ingresos entre o 1 de febreiro e o 31
de decembro de 2020 como consecuencia do coronavirus. Con estes apoios,
cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), a Xunta subvencionará ata
o 50% das perdas de facturación rexistradas sempre e cando estas sexan de polo menos
un 20% en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos tres anos anteriores –
2017, 2018 e 2019-.
No caso de empresas con menos de tres anos estas deberán ter actividade durante polo
menos o ano natural 2019 completo e o cálculo realizarase tendo en conta os datos dos
anos correspondentes. Así o especifica un informe analizado hoxe no Consello da Xunta
sobre as convocatorias de 2021 destas achegas que sairán publicadas en vindeiras
semanas no Diario Oficial de Galicia.
Segundo especifica o informe, a contía destinada ás compensacións das empresas de
transformación é de 4 millóns de euros e o límite de axuda por beneficiario será de
400.000 euros. No caso das empresas de acuicultura o importe da convocatoria é de 3,5
millóns de euros e o límite de axuda por beneficiario de 200.000 euros.
O prazo de presentación das solicitudes para ambas as convocatorias será dun mes
contado a partir do día seguinte á publicación das ordes no Diario Oficial de Galicia, nas
que se poderán consultar os requisitos exixidos para cursar as solicitudes de axuda.
Plan Avantemar
Estes apoios forman parte do plan Avantemar deseñado pola Xunta para impulsar o sector
marítimo-pesqueiro após a pandemia e que supón unha inxección de 77 millóns de euros
en 2020 e arredor de 13 millóns neste ano no complexo mar-industria.

As convocatorias destas compensacións aos sectores da transformación e cultivo dos
produtos do mar deriváronse no tempo co obxectivo de atender tanto os danos causados
pola pandemia como os provocados pola saturación dos mercados. De aí que fose preciso
agardar a coñecer con exactitude o impacto da crise nas contas do exercicio 2020.
Dentro do plan Avantemar tamén se xestionaron axudas a outros sectores profesionais
como a frota activa e inactiva durante a covid-19, a frota de palangre de superficie, os
profesionais do marisqueo que pararon temporalmente a súa actividade durante a
pandemia, as organizacións de produtores, as confrarías e entidades xestoras de lonxas e
as redeiras.
Os apoios extraordinarios para compensar as perdas de ingresos nas empresas de
transformación e cultivo de produtos do mar no ano 2020 como consecuencia da
pandemia súmanse ás achegas que a Consellería do Mar convoca anualmente para
investimentos nestes dous sectores.
En concreto, a Xunta destinou 16 millóns de euros á convocatoria deste ano de axudas
para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos do
mar e 11,5 millóns de euros á de investimentos no eido da acuicultura.