Amicos revoluciona Compostela coa súa mediametraxe Reporteiros no Camiño

A asociación da nosa comarca Amicos presentou este 18 de xuño o seu proxecto para este Xacobeo 2021 – 2022 no Auditorio de Abanca de Santiago: a mediametraxe a prol da inclusión Reporteiros no Camiño, protagonizada por Carolina Castro e Marcelino Romero, os dous membros da asociación con sedes en Boiro (Comoxo) e Ribeira (Oleiros). Contaron con dous axudantes moi especiais no escenario, Noelia Rey e Fran Cañotas, presentadores da Televisión de Galicia.

Por cero que xa se pode ver o tráiler de Reporteiros no Camiño na canle de Amicos en Youtube.

Ao acto acudiron Cecilia Pereira Marimón, comisaria do Xacobeo e Fernando González Abeijón, director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta. Tamén estiveron Gumersindo Guinarte, concelleiro de Santiago e responsábel de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, José Santiago Freire, alcalde de Noia, Ramón Tojo, alcalde de Rois, Marta Giráldez, alcaldesa de Meis, Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra do Caramiñal, María José Sampedro, tenente alcalde de Ribeira e Juan Manuel Vidal, alcalde de Pontecesures.

Máis de 150 persoas non quixeron perderse esta estrea no Auditorio de Abanca de Santiago. “Foi unha experiencia inesquecible e sentinme moi arroupada por todos. Fixen de reporteira e actriz a vez”, indicou emocionada Carolina Castro na cita celebrada en Compostela, acompañada polo seu compañeiro na película Marcelino Romero.

Ao rematar a proxección, Xoán España, director da asociación, quixo dar os parabéns aos protagonistas: “Seguimos a prol do camiño da inclusión, que para nós é o máis importante. A discapacidade mostrou unha vez máis que é un motor de cambio”.

Tamén subiu ao escenario Cecilia Pereira indicando que “fora o proxecto máis bonito que vira ata o momento”. Pola súa banda, Fernando González Abeijón indicou aos protagonistas “que podían presentarse aos Premios Óscar”, poñendo o foco “na gran calidade do resultado final”. Para pechar o acto, houbo dúas actuacións musicais en directo. A primeira foi realizada por Diego Ruibal, técnico da asociación que lle puxo a voz e a música á mediametraxe e a unha canción composta por Marcelino.

Sinopse

Marcelino e Carolina fan o Camiño de Santiago motivados por un obradoiro de teatro que vén impartir ao Centro de Amicos o actor mazaricán Federico Rey. Federico pide a Carol e a Marcelino que o seu próximo papel é o de “ser xornalistas”, meténdose na pel de cronistas do Camiño e botándose ao mesmo para entrevistar ás persoas que se atopan no traxecto, ás que lles preguntan directamente polas súas vivencias e as súas historias. No seu periplo de investigación, pasan polos concellos de Meis, Catoira, Illa de Arousa, Pontecesures e Rois ata rematar en Santiago. En cada lugar terán un encontro cun protagonista moi especial que lles explicarán que é o que poden visitar de cada territorio.

Por exemplo, estarán con persoeiros tan especiais como o actor Carlos Blanco, que lles contará a historia da Illa de Arousa.

Os protagonistas

Os protagonistas son, como dixemos, Carolina Castro e Marcelino Romero. Os dous son compañeiros da Asociación Amicos e convertéronse en actores para facer esta mediametraxe. Marcelino Romero vive no centro que a entidade ten en Boiro dende fai 4 anos, é unha persoa moi envorcada na aprendizaxe continua de coñecementos, afeccionado á escritura e á lectura. De feito, escribe os seus propios poemas e vivencias. Fixo sete veces o Camiño de Santiago, polo que xa é todo un experto na materia. Incluso traballou como voluntario nalgúns albergues do Camiño.

Carolina Castro é unha persoa experta en superar a adversidade. Tras sufrir un accidente de pequena, conseguiu saír adiante e grazas á súa forza demostrou que nada pode detela. Unha das cousas que máis lle gusta é camiñar e pasear, sobre todo ao lado da súa nai, a persoa que máis quere no mundo. Nunca fixo o Camiño de Santiago, polo que esta viaxe foi un soño para ela.