O proxecto RE-MAR entregou este 22 de xuño unha serie de recoñecementos ambientais e solidarios a varios colexios e institutos da nosa contorna. En total, case seiscentos estudantes de seis colexios e institutos da nosa zona foron distinguidos polo proxecto polo seu compromiso co medio mariño.

Ao abeiro desta iniciativa, déuselle a cada alumna e alumno, de maneira persoal, un “carné de axente especial” por ensinar aos maiores “a importancia de reciclar, reducir, reutilizar, recuperar, reparar e loitar contra os residuos mariños”. Tamén, por “denunciar a presenza de vertidos nas nosas praias e ríos e adestrar e formar a futuros axentes especiais de RE-MAR”.

Por outra banda, tamén se entregou un recoñecemento colectivo aos colexios e institutos participantes: o Colexio Plurilingüe Jaime Balmes de Noia, o CEP Plurilingüe de Carreira, o CEIP Plurilingüe de Abanqueiro, o IES Porto do Son, o CEIP Santa Baia en Boiro e o IES Espiñeira de Boiro, que levan todo o curso participando nas actividades ambientais de Amicos e na limpezas de praias.

Este título é un agradecemento á participación activa e ao traballo eco-activista das rapazas e dos rapaces do Barbanza ao abeiro do proxecto RE-MAR, impulsado pola asociación Amicos, xunto co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en condición de socio.

RE-MAR desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, co-financiado polo FEMP. Comezou a finais de 2019 e estase retomando a actividade despois da crise sanitaria vivida pola COVID-19.





