Adxudicados de xeito provisional os novos avances en eAdministración do Concello de Ribeira

O Concello de Ribeira vén de adxudicar con carácter provisional a iniciativa dirixida a materializar no seu seo novos avances en materia de eAdministración ou Administración Electrónica, en palabras do Consistorio “un novo paso encamiñado á transformación dixital que se está levando a cabo no ente local”. Así, a empresa adxudicataria resultou GT3 Soluciones, SL, conforme a unha proposta que no que atinxe á súa oferta económica de 234.407,70 euros, IVE incluído.

A iniciativa está co-financiada nun 80% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020 e enmárcase dentro do obxectivo temático 2 (Ribeira Intelixente) da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI) Máis Ribeira Atlántica 2020.

Sen ánimo de exhaustividade, entre as melloras recollidas no prego figuran:

1. Unha nova sede electrónica, cun novo concepto no que esta sede non sexa unicamente un portal dentro da web.

2. Novos trámites con procedementos máis sinxelos para o cidadán.

3. Adoptar unha nova solución tecnolóxica para a presentación de documentos na Oficina de Atención Cidadá que vaian dirixidos a calquera administración a través do sistema de interconexión de rexistros (SIR), o que permitirá suprimir os envíos de papel de administración a administración ao xerar copias auténticas electrónicas da documentación presentada.

4. Propiciar a acreditación de representantes ou apoderados a través da Plataforma do Estado.

5. Posibilitar a interconexión coa Plataforma de Intermediación do Estado, de tal xeito que cando un cidadán inicie un trámite non teña que aportar a documentación acreditativa: copia do DNI, AEAT, Seguridade Social, Dirección Xeral de Tráfico, etc…

6. Poder acceder á na nova sede electrónica autenticándose coa Cl@ve PIN, e non só co certificado dixital ou DNI electrónico como ata agora.

7. Poñer a disposición a carpeta cidadá Notific@ para que os cidadáns teñan nela todas as notificacións ou requirimentos que emita o Concello de Ribeira ou incluso outras administracións.

8. Xestionar a través da sede unha solicitude de cita cun departamento ou edil da Corporación ou con alcaldía.

9. Acadar unha solución tecnolóxica que permita a recepción, identificación e seguimento de avisos, queixas ou suxestións a través da web ou da app do Concello.

10. Dispoñer dun taboleiros de edictos único, o que posibilitará acceder a todas as publicacións oficiais do Concello nun mesmo apartado da nova sede electrónica.