
Está xa aberto o prazo de inscición para aos cursos de vela e windsurf que a Deputación da Coruña organizará este verán en Cariño, Mugardos, Pontedeume, Ponteceso, Dumbría e Rianxo e nos que poderán aprender a navegar 240 nenas e nenos da provincia.
Os cursos desenvolveranse entre o 5 de xullo e o 13 de agosto e nos mesmos poderán participar rapaces e rapazas entre os 9 e os 18 anos pertencentes ao ámbito comarcal de cada un dos concellos que serán sede da actividade.
Capelán explicou que os cursos terán unha duración de cinco días en grupos de mañá (de 10 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 20 horas), e nos mesmos realizarase unha iniciación aos principais conceptos teóricos e prácticos da navegación a vela, así como un curso básico de windsurf.
A cota de inscrición é de 25 euros. Nos concellos deberá presentarse certificado de empadroamento, ficha de inscrición cuberta pola nai, pai ou titor do/a persoa solicitante, fotocopia do DNI ou libro de familia, copia do aboamento da cota de inscrición (unha vez confirmada a praza por parte do concello) e, no caso de tratamento médico ou doenza, entregarase tamén xustificante médico asinado polo facultativo.
As datas previstas para a inscrición e a celebración dos cursos son as seguintes:
| QUENDAS | CONCELLO | PRAZO INSCRICIÓN NO CONCELLO |
| 1ª quenda: do 5 ao 9 de xullo | CARIÑO | 1 ao 18 de xuño |
| 2ª quenda: do 12 ao 16 de xullo | MUGARDOS | 1 ao 25 de xuño |
| 3ª quenda: do 19 ao 23 de xullo | PONTEDEUME | 1 de xuño ao 2 de xullo |
| 4ª quenda: do 26 ao 30 de xullo | PONTECESO | 1 de xuño ao 9 de xullo |
| 5ª quenda: do 2 ao 6 de agosto | DUMBRÍA | 1 de xuño ao 16 de xullo |
| 6ª quenda: do 9 ao 13 de agosto | RIANXO | 1 de xuño ao 23 de xullo |
Pódese obter información detallada e descargar a ficha de inscrición na web da Deputación da Coruña: www.dacoruna.gal/deportes.




