A nova Andaina Solidaria de CONGALSA xa superou as cifras da anterior convocatoria

A sexta andaina solidaria da empresa alimentaria CONGALSA, activa até o próximo 30 de xuño, está a ter unha importante repercusión na Rede, onde se promove e colle corpo por segundo ano consecutivo. Segundo fai saber Isabel Cañas, directora de Relacións Externas da compaña da Pobra do Caramiñal, a andaina sumou xa un importante número de participantes, acadando con este inicio do verán (luns 21 de xuño) a cifra de 633 camiñantes solidarios online, superando xa a inscrición da convocatoria previa (620). Todo apunta ademais a que a cifra continuará incrementándose os vindeiros días, mesmo con incorporacións de destacados representantes dos ámbitos institucional, político e social de Galicia.

Esta camiñada, que en edicións anteriores estaba limitada aos traballadores da empresa, abriuse o ano pasado á sociedade e transformouse en virtual con motivo da pandemia. Debido á boa acollida, CONGALSA repite a iniciativa.

O grupo máis numeroso de participantes está integrado por persoal da empresa da Pobra e máis da portuguesa Sulpasteis, integrada na Corporación Empresarial CONGALSA desde febreiro 2020.

Entre as camiñantes de renome que xa confirmaron a súa implicación atópase a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que ten previsto realizar parte da andaina en Santiago de Compostela xunto a membros do seu equipo o próximo día 24 pola tarde. Tamén se espera a participación do alcalde de Porto do Son, Luis Oujo.

Igualmente, fixeron parte da andaina un grupo de grupo de profesores e alumnos do CEIP Pilar Maestú Sierra da Pobra do Caramiñal e, tamén, unha vintena de socios de Down Coruña (que percorreron catro quilómetros solidarios), entidade da que é socia CONGALSA (e que ten realizado doazóns de materia prima ao recentemente inaugurado proxecto hostaleiro El Quiosco de Down Experience)

Do cadro de colaboradores da empresa de produtos alimentarios do mar, están a facer a andaina membros de diferentes clubs deportivos aos que a empresa patrocina, asociacións como Ambar e Amicos, e tamén a realizará unha comitiva do Centro Tecnolóxico Gradiant, que é socio de CONGALSA no seu proxecto de desenvolvemento dun modelo industrial 4.0.

O grupo de camiñantes solidarios de Down Coruña

Quilómetros por euros

Ademais de recadar tres euros con cada dorsal participante, a empresa da Pobra do Caramiñal transformará os quilómetros andados en euros para a recadación que, un ano máis será para entidades sociais da comarca do Barbanza que atenden as necesidades dos colectivos máis desfavorecidos e afectados pola pandemia. A cantidade recadada repartirase, a partes iguais, entre Cáritas da Pobra do Caramiñal e Cáritas de Ribeira.

Até a data, a empresa de leva acumulados 2.261 quilómetros de solidariedade e aínda é posíbel inscribirse na Andaina Solidaria até o 30 de xuño (a través das páxinas web www.congalsa.com ou www.deporticket.com) e mesmo participar na iniciativa cunha doazón a través do dorsal 0.