A Deputación aproba o Plan Único 2021, con 84 millóns de euros “para a reactivación económica e social da provincia”

30 Xuño 2021

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade de todos os grupos políticos o Plan Único 2021, que investirá este ano un total de 83.954.628,57 euros nos concellos da provincia da Coruña.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, agradeceu o apoio unánime da corporación provincial e destacou “a importancia dun plan que vai a permitir a execución de 284 obras durante este ano nos concellos coruñeses e que, ademáis de mellorar as infraestruturas e servizos municipais, contribuirá á reactivación social e económica tras un ano especialmente difícil”.

Neste sentido, o presidente subliñou que o Plan Único coruñés, o maior programa de investimentos e apoio aos concellos das deputacións galegas e un dos maiores de España, “adáptase ás circunstancias e adquire este ano unha nova dimensión social, destinando 14 millóns de euros a financiar programa sociais municipais para atender aos colectivos que máis o necesitan e non deixar a ninguén atrás na saída da crise”.

Os 70 millóns de euros restantes, indicou Formoso, “destinaranse a investimentos que axudan a reactivar a economía, crean emprego e melloran os servizos e infraestruturas dos concellos da provincia da Coruña”.

Ademáis de triplicar o investimento de anteriores plans provinciais, o Plan Único “representa unha nova forma de gobernar a Deputación, baseada na transparencia na distribución dos fondos e no respecto á autonomía municipal, pois son os concellos os que deciden en qué queren investir os fondos da Deputación”, explicou.

O presidente subliñou que, desde a súa creación en 2017, o Plan Único financiou 2.541 obras na provincia, contribuíu a sanear as economías dos concellos, reducindo a súa débeda en preto de 12 millóns de euros e converteuse nunha ferramenta imprescindible para o mantemento dos servizos básicos municipais.

Pola súa banda, o vicepresidente e responsable da área de Plans Provinciais, Xosé Regueira, destacou que o Plan Único é “unha moi boa noticia para os concellos da provincia e tamén para os sectores económicos porque, nun ano tan complexo, vaise aumentar o volume de carga de traballo, respondendo ás necesidades que cada concello prioriza”.

Para Xosé Regueira, o “esforzo orzamentario do Plan Único demostra unha maneira de goberno da Deputación da Coruña que confía plenamente nos concellos e dálles autonomía para decidir o destino dos seus orzamentos, sen tutelas, e os proxectos que inclúe esta nova edición demostra a pluralidade de opcións e propostas que va ser financiadas cos fondos provinciais”.

Sinalou tamén o carácter “flexible do Plan Único que permitiu, neste ano especial, adaptarse á difícil situación imposta pola pandemia e apoiar os programas sociais municipais que se fixeron aínda máis urxentes co que, máis unha vez, se demostrou que temos nas nosas mans unha ferramenta incontestable que, ademais de ser transparente, responder a criterios obxectivos e outorgar autonomía aos municipios pode tamén responder ás urxencias que se produzan como as provocadas pola Covid19”

Uso dos fondos

Dos preto de 84 millóns de euros aprobados hoxe, un total de 27.551.996 destínanse á execución de 284 obras de construción e mellora de infraestruturas e espazos públicos en 90 concellos da provincia. Ademáis dos fondos provinciais os concellos contemplan achegas por importe doutros 2.443.321 euros para estes investimentos.

Un total de 80 concellos decidiron este ano destinar parte das achegas do Plan Único (15,8 millóns) a financiar o seu gasto corrente. Con estes fondos, a Deputación contribúe a financiar o funcionamento de numerosos servizos básicos municipai, que moitas veces non se ven pero son fundamentais para o día a día da veciñanza, pois van desde a recollida e tratamento de lixo ao alumeado público ou a conservación de parques, xardíns, estradas e camiños municipais.

Os 14 millóns do Fondo Social do Plan Único serán destinados por 92 concellos a cuestións coma o reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais a Servizo de Axuda no Fogar (SAF), creación de axudas para necesidades básicas coma vivenda, alimentación ou gastos médicos dos colectivos máis vulnerables ou programas para evitar o risco de exclusión social coma o Servizo Municipal de Emerxencias Sociais (SEMUS) de Santiago de Compostela.

No apartado de redución de débeda, xa se notan os efectos positivos das anteriores convocatorias do Plan Único, xa que só 12 municipios solicitan este ano un total de 836.970 euros para amortizar débedas; mentres que outros 13 destinarán 1,1 millóns a pago a provedores.

Finalmente, o POS+2021 contempla unha achega adicional de 24,7 millóns que os concellos destinarán tamén a investimentos.

Por comarcas, destaca a de Santiago que recibirá 25,4 millóns; seguida da Coruña (17,5 M€), Ferrolterra, Eume e Ortegal (17,5 M€); Bergantiños-Costa da Morte con 13,4 millóns e Barbanza, con algo máis de 11 millóns de euros.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...