A contorna do Pazo de Goiáns acolle este sábado 19 a primeira edición do Mercado da Serea

O Concello de Boiro vai organizar este sábado 19 de xuño un mercado de artesanía na contorna do remodelado Pazo de Goiáns, tesouro arquitectónico e paisaxístico da nosa comarca que cobrou nova vida grazas ao impulso do Goberno local co apoio dos fondos do Instituto Galego de Vivenda e Solo. A edil de Cultura, María Outeiral, presentou na mañá deste 16 de xuño o programa de actividades do Mercado da Serea que se van desenvolver e os postos que se van instalar. O obxectivo do mercado, dixo, é “xerar un espazo de oportunidades profesionais do mundo da artesanía, as artes e o traballo de artistas e profesionais”.

O Mercado da Serea vai contar con 20 postos, dos cales 5 son de Boiro, con produtos diferentes como son a ilustración, xoiaría, roupa de autora, completos, cerámica, coiro, estampa, instrumentos musicais, escritura e cervexa artesanal. O mercado vaise instalar na contorna do Pazo de Goiáns entre as 11 e as 21 horas

Milena Joyas, Deica Creacións, Arco da vella, Amorote, Jatafarta, Conloquetengo, Salsa Gaucha, Os Alegres, Alén das olas, Xurelo asmático, Redeiras Illa da Estela, Tejeluz, Imprimitresde, Da ría Luv, Carracuca, Jardinería Espiñeira, Pedras de papel, Raposiñas, Guitarras Vieites e Cervexas Meiga son os postos de artesanía que participan nesta primeira edición da actividade.

A edil fixo saber que ademais deste postos, durante o día haberá obradoiros patrocinados por Artesanía de Galicia, para os que se require inscrición no propio día do mercado, concertos de Mallou ás 12.30 horas e The Cuncas 19.30 horas, para os que se require inscrición previa a través dos formularios dispoñíbel na web municipal. Segundo engadiu a concelleira, “vai ser unha xornada moi especial pola contorna na que se vai celebrar e polos artesáns que participan e agardamos que o Mercado da Serea se consolide como unha cita coa artesanía na comarca”.